O Pombal O día do Pilar ten un certo aire nostálxico, xa que a Garda Civil segue a vivilo como facía hai décadas, coa celebración eucarística e outra de carácter máis familiar
12 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Está claro que entre a Garda Civil e a Policía aínda hai moitas diferencias. Non hai máis que asistir ás festas que organizan uns e outros para decatarse de que nos Anxos Custodios pode pasar de todo, ata facer reivindicacións laborais e enfrontarse dialecticamente cos superiores. Iso non pasaría nunca no día do Pilar, patrona da Benemérita. A festa da Garda Civil transcurriu onte como manda a tradición, con uniformes, tricornios, misa na parroquial e festa familiar no Liceo á que estiveron invitadas as autoridades locais, entre elas, os protagonistas da festa da policía, Javier Gago e Mari Carmen Roca, que evitaron ata ollarse. O novo cuartel O capitán da Garda Civil, José María Rancaño, logo de desexar aos presentes un feliz día do Pilar, sobre todo para as familias da Benemérita, falou dos novos proxectos en Vilagarcía, entre os que figura a creación do novo cuartel no Piñeiriño, que xa ten aprobado un presupuesto de 180.000 euros para dar os primeiros pasos. De feito, estes días xa andan os topógrafos facendo medicións nos terreos. Rancaño calcula que para dentro de dous anos estarán listas xa as novas instalación, que incluirán tamén vivendas, aínda que non tantas como o actual, porque cada vez son menos as familias que queren vivir no propio cuartel. O capitán falou tamén do persoal do cuartel de Vilagarcía, que ten ao redor de sesenta axentes. Rancaño considera que é un grupo suficiente para as necesidades da comarca, aínda que no verán sempre se ve reforzado por mor dos incendios e do turismo. Nos diferentes departamentos do cuartel está o Seprona, o grupo de Medio Ambiente, intervención de armas e control de explosivos. Os axentes manifestaron a súa satisfacción pola detención do presunto agresor de Juan Oliveira, e Rancaño subliñou que había outros casos abertos nos que aínda estaban a traballar. O bestiario O resto da xornada transcurriu con normalidade e ambiente cordial, dando todos os presentes boa conta dos aperitivos que se serviron -non sei se se decatarían os nosos lectores de que nestas páxinas non facemos outra cousa que falar de cuchipandas -. Houbo quen aproveitou a ocasión para falar de fábulas de animais e, recordando o peche de campaña de hai catro anos, cando Gago ameazaba con merendarse ao rato, alguén caeu na conta de que na vindeira contenda electoral haberá «leones, ratones y cuervos». Todo un bestiario.