AREOSO | O |

09 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

DICÍA o outro día que me parecía incrible que se estea a polemizar e a facer política cun asunto tan grave coma o da potabilidade da auga. Pero postos a falar da auga e de todo o que ocorreu no Umia hai outro asunto que me parece cando menos tan incrible coma ese. Xa sei que se trata dun tema recorrente e moi empregado nesta mesma sección. Pero, como verán, non é para menos. Estoume referindo aos problemas de saneamento, a esas obras que non venden, das que non gosta falar e que aos cidadáns nos pasan desapercibidas. Porque ¿cantos de vostedes descubriron tralo incendio de Brenntag que Caldas non tiña rede de sumidoiros? Seguro que moitos, eu incluída. Fálase de que as rías absorben os residuos sen tratar de máis de 650.000 galegos. Eses, os que viven na costa. Porque se lles sumamos os que no interior tampouco teñen saneamento seguramente lle poidamos engadir uns cantos milleiros máis. Ao fin e ao cabo, moitos deles posiblemente envíen a un río as súas augas fecais e, xa se sabe, os ríos van dar ao mar. A conclusión non é outra cá de que queda moito por facer. Somos capaces de frear un río, de purificar un auga tóxica, de montar en apenas uns días todo un sistema paralelo de abastecemento de auga -que está moi ben-, pero non somos quen de acadar uns niveis de saneamento cando menos aceptables. Só nos preocupan os verquidos -puntualizo, por se acaso: a todos, incluídos os cidadáns- cando os vemos, cando quedan feos ou cando afectan a un banco marisqueiro. Pero non volvemos a vista cara esoutros canos que día a día van enchendo de lixo as augas, manchándoo todo e contaminando todo. Téñoo claro. A partir dagora mudarei e convertereime nunha firme defensora de todo tipo de paseos litorais. Polo menos, alí ata onde eles chegan, si nos preocupamos por limpar. Aínda que sexa pouco a pouco.