Reciclarse ou morrer

La Voz

AROUSA

O palomar Os oficios son os mesmos pero mudan as formas de traballar. O persoal do Porto segue coa posta ao día e nos concellos de Vilagarcía e Cambados tiran pola informática

04 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Nestes tempos nos que tanto falamos de diplomas -xa saberán a que se montou en Vilanova polo da suposta falsificación de diplomiñas- sempre se recibe con gañas unha nova amable. E como nesta sección somos dados a verlle a cara positiva a todo, alá vai outra de diplomas, pero sen dobres lecturas. E que onte foi o acto de entrega de certificados aos 47 traballadores da Autoridade Portuaria de Vilagarcía que participaron nos últimos tempos nos curso de formación: operador de grúa, carretilleiro, manipulador de alimentos e prevención de riscos laborais. A cousa non che ten moita lírica pero si que ten mérito porque ¿a ver quen lle quedan gañas de volver a estudar e facer prácticas cando tes que currar? Iso mellor no instituto, aínda que agora que imos ter a UNED en Vilagarcía vai haber que ir cambiando o chip e facer todo a un tempo. Mentres non chega a Universidade, tranquilos que non nos imos aburrir. Para iso temos á concellería de Xuventude de Vilagarcía que nos ten todo ano ocupados con cursiño de alí e actividade de alá. E, como non, as oenegués volven a ser protagonistas. Xa o dixo a concelleira María Araújo en máis dunha ocasión. Fan falla voluntarios e voluntarias -calquera se esquece do feminino nestes tempos- para levar adiante actividades e proxectos en favor das persoas que o necesitan. Que falla a solidariedade, e así non se pode. Pero a vontade, aínda que importante, non o é todo. Tamén hai que ter infraestrutura e xente preparada, de xeito que Xuventude organizou unhas xornadas de novas tecnoloxías para as oenegués. Celébranse desde o luns no auditorio de Vilagarcía e están dirixidas especialmente a organizacións xuvenís. Para que se vaian facendo unha idea. No programa se inclúe Wikipedia, Wireless, Línux e Microsoft Access. Non, non é chinés. É o que nos queda a todos por aprender, así que benvidas iniciativas coma esta. En Cambados tamén che andan a voltas coa formación. O Concello avisa aos interesados de que vai realizar un novo curso de informática do Plan FIP para desempregados e xa empezaron outro para mulleres en activo. Reciclarse ou morrer. Non che queda outra.