«O importante é subsistir porque somos adegueiros de toda a vida»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso VILAGARCÍA

AROUSA

MARTINA MISER

Entrevista | Francisco Dovalo Dovalo sostén que o albariño «é o mellor viño do mundo» e defende que a «calidade» é a única arma coa que adegas coma as de Meaño poden competir

20 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

As pequenas adegas reivindican o seu espazo. O tradicional dos seus métodos e o mimo co que elaboran os seus caldos son, segundo o presidente da asociación de adegas artesanais, as súas únicas armas para competir nuns mercados nos que, cada vez, «os prezos son máis baixos», argumenta. Fronte a cantidade, eles ofrecen «calidade». -¿Como é a colleita deste ano? -Moi boa. Os viños deste ano teñen algo que outros viños non tiñan e na nosa asociación hai uns dos mellores viños. O importante é o da climatoloxía, que non sempre é favorable. O ano pasado recolleuse unha uva preciosa e o resultado témolo no viño. Nós elaboramos só o que nós producimos e é lóxico que tamén poñamos un pouco de man para ter o mellor viño do mundo, porque o albariño é o mellor viño do mundo. ­-¿É máis fácil vender os viños se son bos? -Eu son dos que digo que os viños, véndense os bos e os moi malos. Os bos teñen un prezo e os moi malos, outro. O que queira bos viños terá que pagalos e, os que queiran malos, pode atopalos no supermercado. -¿Como se compite coas adegas máis grandes? -Nós non competimos coa cantidade, pero si coa calidade. E iso é o máis importante porque a cantidade xa se ve a onde vai, a que os prezos estén tirados no mercado. -¿Cree que hai prezos demasiado baixos? -Penso que os costos de produción de uva son elevados. Subiron as botellas, os corchos e os viños están baixando de prezo. Eu non sei o motivo polo que todo sube, pero os viños baixan de prezo. Onde non baixan é na hostalería, pero si nas adegas, debe ser porque traballan gratis porque non é posible que baixen os prezos tanto. ­-E os seus costos de produción son máis elevados... - Temos uns costos altísimos porque o rendemento é moito máis baixo que noutras adegas. Para elaborar dúas botellas fan falta tres quilos de uva e, incluso hai adegas que utilizan prensas tradicionais e os rendementos son aínda máis baixos. E hai que ter en conta que o prezo da uva e os costos son cada vez máis altos. -¿Cales son os seus principais mercados? -Normalmente, este tipo de viños van directamente á restauración e a tendas especializadas. Actualmente estamos en Galicia e tamén en Cataluña, no Levante e en Madrid. O esforzo que nos facemos por ocupar ese espazo de mercado, se o fixeran todos os viños de Rías Baixas, bo sería para todos. -¿Estanse plantexando exportar os seus viños? -Este ano hai empresa de Cataluña interesada en exportar os nosos viños a Europa. Se lle mandaron mostras para ver que é o que quere. Pero nos coa asociación é un pouco difícil que exportemos, porque producimos cantidades moi pequenas. As adegas producen unha media de oito ou dez mil litros e iso para a exportación non é interesante. Se o viño que producimos vai directamente a un distribuidor que o manda fora, corremos o perigo de quedar ser nada, por iso preferimos traballar con clientes propios. -¿Cómo valoran o acordo da mesa do viño? -Nós estamos interesados en que a uva teña prezo porque nós tamén somos viticultores porque todos temos viñedos e, así ,se algunha adega se ve saturada podería vender a uva e seguir subsistindo. O importante para nós é subsistir porque somos adegueiros de toda a vida. -¿Qué lles parece a prezo da uva? -Nós non o consideramos un acordo bo, pero o importante é que, polo menos, houbo acordo que ata o de agora non houbera ningún. Creo que isto vai favorecer tanto aos viticultores coma aos adegueiros.