O Barco da Memoria xa ten o aparello listo. Mañá, o vello vapor Hidria II sairá ao mar dende Cambados disposto a capturar, no mar do esquencemento, o nome e as historias de moitos homes e mulleres que padeceron a represión que estalou no ano 1936. Lembra o comisario da exposición, Dionisio Pereira, que aquela peste negra caeu sobre «persoas e colectivos que, durante a etapa republicana, pretenderon mudar a ruín condición dos obreiros, dos labregos pobres e dos mariñeiros». O Barco da Memoria, anque valerá para lembralos a todos, ten como meta específica recordar aos homes e ás mulleres que viviron e morreron á beira do mar. O barco non terá parada ata o sete de setembro, cando remate a súa singradura no fondo da Ría de Arousa, en Vilagarcía. Durante ese tempo, o Hidria II percorrerá vinte portos das Rías Baixas. Empezará a súa andaina mañá, en Cambados, Neste porto será homenaxeado Antonio Chaves del Río, no que se personifican todas as vítimas da represión na localidade. Percorrido Despois da parada en Cambados, que se prolongará durante tres días, o barco porá rumbo ao sur. Estará en Moaña, fará unha homenaxe nacional ás vítimas do franquismo en San Simón, e pasará por Baiona e por Marín antes de volver á ría arousá. O día 30 de xullo, o Hidria II voltará á que foi durante tempo a súa casa: O Grove. Alí será recibido polos barcos da localidade, e alí permanecerá ata o primeiro de agosto. Durante todo ese tempo, o Barco da Memoria será escenario de homenaxes -a Jacobo Otero Goday e a José González Prieto-, de charlas -a cargo de Carlos Meixome, Antón Mascato e Koldo Plá-, e da proxección de documentais, entre eles un audiovisual aínda inédito sobre a historia do Nuevo Endem, un barco a bordo do que varios grovenses fuxieron da represión e da guerra. A seguinte parada será na Illa. Na Arousa estará o barco entre os días 2 e 4 de agosto. O Hidria dará unha volta arredor de Punta Cabalo en homenaxe ás vítimas da represión no municipio. E no vello vapor proxectarase o filme Aillados, no que se narra a vida no campo de exterminio de San Simón. Logo, o barco parará en varios portos do Barbanza, e seguirá logo o seu camiño hacia o norte. Pero volverá a baixar, porque a súa singradura rematará en Vilagarcía, a onde chegará a vacina contra a amnesia o 4 de setembro. As verbas de Dionisio Pereira, a actuación de Labordeta, e as homenaxes aos mariñeiros represaliados, encherán os derradeiros tres días da viaxe pola memoria.