El palomar Encheron a librería Arousa cos potentes sons do seu cuarto traballo, «Unha semaniña enteira». Enriquecida a formación cun orfeón, estes gaiteiros están que botan por fóra
28 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Presentar a Treixadura, a estas alturas do filme, constituiría un exercicio de fachenda impropio. Si cómpre, porén, botar luz sobre o seu novo traballo discográfico, un disco redondo que continúa a lóxica iniciada en 1999 con Unha noite no muíño , proseguida no 2003 con Unha noite non é nada , sustentada agora con este Unha semaniña enteira , que chama por un vindeiro Iso si que é foliada. Compría presentalo, xa que logo, e así o fixo a Librería Arousa, de Vilagarcía, que está a completar unha interesante sección adicada á musica tradicional galega, que boa falta fai. Os cinco Treixadura, gaiteiros por alma, vocación e formación, invirten a composición do seu repertorio para asinar dez temas vocais e un, un só, instrumental. Paulo Nogueira, autor das pezas de nova creación, explicaba onte que a idea que o grupo tiña en mente quedou moi ben reflectida no resultado dun traballo feito dacabalo de Gondomar, nos estudos Casa de Tolos, e na Estrada, na casa Edisco. Claro que os cinco músicos malamente poderían, eles sos, aportar toda a potencia que o proxecto requiría. Xurdiu así o xenial pulo que rematou coa constitución de Treixadura Orfeón, dez amigos de poderosa gorxa que, créanme os que len estas liñas, poñen a pel de galiña cando as súas voces se mesturan coas melodías das gaitas e o acordeón, e a percusión repenicante. Festival de Moaña A sesión non só serviu para coñecer algunhas das pezas que integran este impresionante traballo. Tamén brindou a oportunidade de reflexionar sobre o eido da música tradicional galega, e como se lle está a maltratar. Na necesidade de que ese cambio, que polo momento logrou dar 45 minutos de prime time a unha das máis fermosas construcións culturais que poda xerar xamais un país, coa emisión de Alalá, programa no que por certo xa estivo Treixadura, se estenda ata artellar circuítos que dean cancha ás agrupacións culturais que pelexan día a día. Treixadura abrirá este verán o Festival Intercéltico de Moaña. Pero non teñen unha soa actuación pechada en Arousa. A ver como se come iso.