«A epopea do noso tren é semellante á de EE.UU.»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

ENTREVISTA | Rafael Cid

06 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?stados Unidos xerou toda unha subcultura encol dos seus trens. Os míticos camiño de ferro empurraron a imaxinación de boa parte do planeta grazas á potencia da súa imaxinería e a súa industria. En Galicia hai unha historia idéntica, pero totalmente desaproveitada. Ata que o xornalista e profesor Rafael Cid reconstruíu o tecido, partindo dos retais da súa memoria de infancia en Verín. Onte, o seu documental Carrilanos, os túneles dun tempo , foi proxectado en Vilagarcía. A edición de Xerais, en forma de DVD e libro, marca unha nova pegada multimedia. -A historia da construción da vía do tren entre Ourense e Sanabria é algo apaixonante. Son 142 quilómetros, o tramo máis difícil de construír de toda España, nun terreo totalmente montañoso. Precisamente por iso, cando os enxeñeiros estudan facelo, en 1860, pensan que sería moi caro, que aquí había moi pouca xente e renuncian a levalo a cabo. Fíxate como queda a cousa. A liña era Vigo-Medina del Campo. Ben, pois constrúen o tramo dende Vigo a Ourense e dende Medina a Zamora. O resto queda sen facer. -Paralelismos co do AVE hai... -Claro que si. Botaron setenta anos de debate ata que Primo de Rivera, en 1926, aproba o tramo e decide amplialo, ademais, a Santiago e á Coruña. Comezaron en setembro de 1927 e non se inaugurou ata o 1 de xullo de 1957. En total, case un século. Incluíndo o parón da República, porque o socialista Indalecio Prieto recuperou aquel argumento de que non era rendible, como moitas outras obras que estaban en marcha. -¿Cal foi a reacción da xente, entón? -Tendo en conta que había quince mil obreiros traballando na liña, ao longo de tanto tempo a pegada do tren foi inmensa. A epopea do noso camiño de ferro é moi semellante á de EE. UU. Progreso, pobos cheos de vida de súpeto, festas, traballo. Só faltaba o saloon. Cando as obras se pararon os deputados galeguistas ameazaron con dimitir, tamén a Deputación de Ourense; houbo folgas e manifestacións. En Ourense, cargou a policía e morreu un mozo. Había romances da vía, lendas, cantigas. Todo un universo.