Moito máis que Lorenzo Varela

La Voz S. L. L. | VILAGARCÍA

AROUSA

Reportaxe | Actos previstos por mor do Día das Letras Galegas en Arousa Actividades deportivas, libros liberados, feiras de libros, entregas de premios e festivais son algunas das propostas na comarca para esta xornada cultural

16 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Á marxe da homenaxe que a Real Academia Galega fará ao escritor Lorenzo Varela, que cando naceu nun barco preto de La Habana pouco podería imaxinar que algún cobraría tanto protagonismo na terra natal do seus pais, o Día das Letras Galegas celebrarase cunha morea de actos culturais, deportivos e festivos dos que haberá boa representación na comarca. Todos os concellos e os colexios de Arousa levan días traballando na festa das letras galegas, pero os que agora se resumen son os máis importantes na data festiva que se celebra hoxe. Vilagarcía Entrega do premio Fermín Bouza Brey que se fallou hai uns días na cidade e que recaeu no escritor lugués Xerardo Quintiá Pérez, que se achegará ás 12.30 horas á casa consistorial para recoller o premio en metálico, tres mil euros. Por outra banda, a asociación Contra Vento e Marea de A Laxe celebra ás 19.00 horas un festival no que Os Terribles de Arousa presentarán o seu terceiro disco, O Noso Lar interpretará unha obra de teatro e se estreará unha zarzuela galega inspirada en acontecementos de A Laxe a cargo da propia sociedade, baixo o título de O xurelo non chegou a tempo . Para rematar, a sociedade Gato Negro de Carril celebra a xornada con actuacións do grupo de gaitas e baile e unha conferencia sobre Lorenzo Varela na que intervén o catedrático Demetrio Díaz, ás 13.30 horas. A xornada pecharase coa tradicional ofrenda a Rosalía e un xantar nos salones da sociedade. Tamén se inaugurará unha nova área de lecer coa recuperación dun antigo piorno. Cambados Ás 11.00 horas abrirase na Praza do Concello a cuarta edición da Feira do Libro. Logo Emilio Insua asinará exemplares do libro Aconteceres ás veces a ternura ; Saúl Otero e Jacobo Domínguez farán o propio con Cambados na II República e xa pola tarde, Xesús Constela rubricará para os seus lectores a obra As humanas proporcións . Haberá tamén aeróbic infantil dos nenos do Ramón Cabanillas e se entregará o premio Ramón Cabanillas e os dos concursos das Letras Galegas. O Grove Seguindo o exempo de Vilagarcía, na vila meca vanse liberar hoxe 75 libros en galego e portugués. Na rúa Platerías haberá xogos e agasallos para os pequenos a partir do mediodía, e na Praza de Arriba, ás 11.00 horas, abriranse as casetas da Feira do Libro. A festa seguirá con actuacións do grupo de baile Paradanda e Abrollos e unha obra infantil dos rapaces do colexio Valle Inclán. A Illa Dorna invita aos seus socios a participar nunha saída ao mar que, sempre que o inestable tempo o permita, se desenvolverá a partir das 16.00 horas. Indica a escola que «como nos últimos anos, procederase a botadura das novas dornas ou mesmo á benvida das que este ano foron remozadas». Catoira Concerto da banda de música municipal na Alameda ás 18.30 horas. Se chove será na casa de cultura.