Entrevista | Avelino Barreiro Barreiro Avelino leva nas súas pernas miles de quilómetros. Correndo, nadando ou na bicicleta, aos 66 anos é un deportista nato
16 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Avelino é un deses casos de vocación tardía. Empezou a facer deporte «en serio» cando pasaba dos cincuenta, e desde aquela, non parou. Ao que máis lle da é á bicicleta pero hai un par de anos que fai tamén carreira e natación. -¿Como reparte a semana entre tanto deporte? -Os domingos saio co grupo (Clube de Ciclismo Xiabre) e facemos de noventa a cen quilómetros. Os mércores e venres, agora como hai frío, fago media hora de rodillo na casa e despois vou tres ou catro veces na semana á piscina e ao ximnasio. No verán nado na praia. -Entre unhas cousas e outras acabará facendo miles de quilómetros. -Si, vou a moitos sitios. Participo nas carreiras populares. Este ano fixen os dez quilómetros da carreira de Ourense en 55 minutos, e os 12,5 quilómetros da carreira de Santiago nunha hora e sete minutos. Tamén vou ás carreiras de Valga, Pontevedra, Pontecesures e ao triatlón de Vilagarcía... e coa bicicleta fago as saídas dos domingos e cicloturismo. -Quédalle atrás o do Camiño de Santiago. -Foi no 2002, desde Francia, con catro rapaces da Illa e un de Vilanova. Fixemos 883 quilómetros en dez días. Me gustaría volver a facelo este ano, pero eu só non me animo. Fixen o camiño no 2003 eu só, pero desde León. Foron 350 quilómetros en dous días e medio. Foi unha barbaridade, non volvo a facer algo así. Tamén subín os 12 quilómetros do lago Covadonga no 2002 e no 2003 nove quilómetros de subida A Cobatilla, en Salamanca. -Xa vexo que hai donde escoller. ¿Cal é o deporte que máis lle gusta? -Todo. Correr é máis duro, porque vai o corpo enriba das pernas. A bicicleta é un deporte máis sano. Pero gústame todo. -¿Ten pensado probar nalgún outro? -Non (risas). -¿Como se lle dou por practicar deporte con tanta ansia despois dos cincuenta? -De rapaz xogaba ao fútbol, nadaba e facía algo de bicicleta. Pero foi en 1995, despois de morrer a miña muller, cando fun en serio. Vin que o deporte me relaxaba. Antes sentábame a ver a televisión e a comer madalenas. Cheguei a pesar 84 kilos, e agora peso 71. -¿Ata canto ten pensado seguir este ritmo? -Mentres poida e non me veña unha enfermidade. -Vostede debe ter unha saúde de ferro ¿que lle di o médico? -Nada, nin sequera me fai un electro. -¿Que come? -Miro moito o das comidas. Procuro non comer moita carne porque teño o colesterol alto. Fago ensaladas, alimentos cocidos, peixe en branco, como pan integral. Aínda que fagas deporte hai que mirar ben o da comida. -Beber e fumar nada de nada, supoño. -Non. Non probo nin un pitillo. -¿Como ten o sono? -Desde que corro durmo máis, antes durmía bastante menos. -A súa familia, os seus amigos ¿que lle din ante tanto esforzo físico? -Que teña coidado porque son moi competitivo. -Non é vostede dos que se conforma con participar. -Me gusta participar pero tamén me gusta deixar algún atrás. Eu son o máis vello e me satisface moito pasarlle por diante aos demais. Eu aínda lle aguanto bastante ben ao grupo. Desde que vou á piscina e ao ximnasio me atopo mellor. -Parece que me sinto máis xoven eu tamén. -¿Dalle moitos gastos tanto deporte? -Si, porque tes que comprar zapatillas boas para correr e na bicicleta tamén se gastan cubertas, cadenas e todo iso. -¿Cantas bicicletas ten? -Tres. Unha de carreiras, unha de paseo e unha de montaña. -¿Tivo algún accidente na bicicleta? -Hai tempo, na estrada vella de Abalo a Catoira, choquei cun coche de frente e tiven fisuras nas costelas. E en Curro, cando ía a correr a volta ao Morrazo, un coche me dou por detrás e me destrozou a bicicleta noviña, que tiña dúas semanas. -Tivo sorte de poder contalo. -Si, parece que anda Deus conmigo. A bicicleta é un risco. Eu estou afeito porque de Carril veño a todo a Vilagarcía en bicicleta e fago uns 250 quilómetros ao mes. Pero cando vou ao Grove, teño medo, porque non hai arcén. Os coches tiñan que reducir a velocidade e deixar espazo cando pasamos na bicicleta. Está moi perigosa a estrada, sobre todo se vas só. Desde logo, tiñan que facer algo con iso. -¿Aparte do deporte ten algunha outra afición? -Gústame a música, a de Luis Cobos e as galegas, e ver a televisión.