VENTO DA TRAVESÍA | O |
26 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.XA SE SABE que so hai igualdade en circunstancias iguais e que poderemos pedir o mesmo trato so cando nos topemos en idéntica situación. Nestes tempos, na parroquia de San Vicente do Grove, as administracións andan ocupadas en dúas obras. Unha é a pomposamente denominada «Acceso Oeste ao Grove», ou algo así, que consiste na ampliación da estrada, trazada alá polos anos sesenta, que ten como destino as urbanizacións turísticas denominadas San Vicente do Mar, Pedras Negras e Balea Marítima que, en esencia, resultan aglomeracións urbanas fantasmagóricas durante uns dez meses ao ano, ocupadas parcialmente polo estío, e que, ademais, teñen como patrón común o abuso urbanístico nun Concello desbordado por este problema. Esta ampliación vai dotada de beirarrúas, carril bici e iluminación pública desde A Lanzada ata Pedras Negras e, fundamentalmente, enlaza coa Vía Rápida para que os turistas teñan facilidades para ir e vir con rapidez -¿e resultará intelixente para os hostaleiros?-. A obra, case rematada, promóvea a Consellería de Política Territorial. Mentres tanto a estrada vella, a que, dende sempre, une San Vicente con O Grove, cunha poboación estable de máis de mil veciños do municipio, sigue, eternamente, en proxecto. Aínda que non se iniciou, por suposto non ten previsto nin beirarrúas, nin carril bici, nin cousa que se lle pareza. Parecería obvio que merece un trato, polo menos, igual a poboación estable que a flotante pero non resulta así. Tamén en San Vicente, e pronto no Grove, hai un porto para embarcacións de recreo con atraques, auga e enerxía individualizados para cada embarcación, levado a cabo pola mesma Consellería. Está moi ben. Pero os peiraos de Meloxo e do Grove, nos que non atracan embarcacións de lecer senón profesionais que utilizan as instalacións como medio de vida non dispoñen, nin por asomo, de comodidades semellantes. ¿Ula igualdade?