Tanto monta

X.A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

12 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A CLASE política galega leva tempo encerellada co fantasmagórico Plan Galicia- ¡así que nos facía falta un Plan!- agora alcumado coa baldeira denominación de Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transportes. O PG naceu como mercadotecnia para afogar a protesta derivada do desastre ecolóxico i económico -non político- do Prestige . Non foi desastre político porque, a día de hoxe, resulta evidente a neglixencia política, o aumento dos danos por mor das decisións tomadas e, sobre todo, a absoluta falla de previsión e de medios e, malia iso, non houbo consecuencias importantes na política, senón, pola contra, consolidación das posicións previas e cooperantes no desastre. O PG foi o contraataque, artificioso, do Goberno central ante a acumulación de erros na xestión do sinistro e diante da evidencia de que Galicia estaba, i está aínda, absolutamente abandonada, do que dou fe a necesidade de acudir á xenerosidade persoal de tantos voluntarios individuais que viñeren a axudar, asombrados pola carencia de medios esixibles a un Estado europeo no século XXI. Todo segue igual e, se volvera a ocorrer desgraza semellante, non se ve que se actuase doutro xeito, aínda que, a verdade, resulta estraño que aparezan estudos que afirman que a Ría de Corcubión resulta, hoxe, un bo refuxio natural para estas situacións. Agora ó PG chámaselle PEIT e o seu contido obedece ás inversións ás que, con Prestige ou sen el, Galicia tería dereito: ¿ou é que se non fora a pique o petroleiro non virían AVE nin mellores comunicacións?. Pero o máis grave de todo isto é, como matina Paco Trigo, que o máis interesado no PG ou PEIT, que tanto monta, é o gran capital; i esta ficción do PG, ou PEIT, está a tapar cuestións máis perentorias: ¿Ou é que non está de moda falar da educación, nin da sanidade? ¿Resultará que tales necesidades non xeran tantas plusvalías?.¿A quén se está a defender?