Magnanimidade

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

06 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

A VERDADE é que pouca xente pode permitirse ser magnánimo por ser calidade predicable da grandeza. Só o maxestoso é quen de facer un aceno que nos faga dicir, agradecidos, ¡Qué magnánimo é!. E xa se sabe que nas grandes ocasións próbanse as grandes persoas. Resulta que El Rei, hai un tempo, desprazouse a Romanía por unha cacería de osos. Contan os cronistas que os veciños do lugar foron convidados a participaren na batida para levantar os animais -bondadosos i esforzados anfitrións estes romaneses- e o noso Monarca abateu cinco exemplares. Días pasados uns cazadores anónimos mataron a única femia de oso que andaba polos Perineos e, rapidamente, ecoloxistas e demais xente de boa fe, ata os telediarios, puxeron o grito no ceo pedindo responsabilidades. A explicación oficial de que El Rei acudira ata os Cárpatos en busca de caza maior foi que por alí sobran osos e o barullo derivado da morte da osa dos Perineos está en que por aquí faltan osos. El Rei foi criticado de portas para dentro e a xente do común preguntouse con quén iría, quén pagaría ou quen o convidaría. Sobra dicir que a tal cazata e a nova, simultánea, de que unha das princesas mercaba un pazo por non sei cantos centos de millóns foi un golpe, a todas luces orquestrado por republicanos e outra xente de mal vivir, contra o bo nome da Monarquía, obviamente merecido. Agora andamos todos revoltos ó saber que a osa morta nos Perineos era a última osa. Estou seguro, completamente, de que, unha vez máis, coma tantas outras, as consolidadas relacións internacionais, a influencia mundial da Súa Maxestade ou, mesmamente, as querenzas ecoloxistas do Herdeiro, van a facer o imposible para que alomenos os amigos romaneses que, polo visto andan sobrados de osos, manden unha osa xove e forte para repoboar os Perineos. O tema xenético, da osa, importa menos.