Os de mar afora

AROUSA

AREOSO | O |

24 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO o Prestige abafou as nosas costas, o berro de Nunca Máis chegou ao interior galaico. Por unha vez, nas miñas terras, nas de Baltar, nas de Cuiña e nas de Cacharro falouse de mareas negras e de inxustizas políticas. Chegaron os comicios e, coma sempre, sairon papeletas populares de debaixo das pedras. Pero tamén as houbo en Muxía, punto cero da catástrofe, e moitos outros concellos costeiros, que durante a crise puxeran verde a don Manuel. Por cousas coma esta, na miña terra, no cerne galaico, cando soa a palabra Prestige, os agricultores (maioría aplastante no rural) saen con aquelo de «si, ho, o que queren na costa é outro máis». E rinse dos que fumos a Madrid en manifestación e nos puxemos o mono branco. Non sei se teñen razón, pero cando o fan, sempre me preguntan por que eu non estaba nas protestas pola toleada da supertaxa, por que non saín cunha pancarta cando chegou a crise das vacas tolas ou nas moitas veces nas que as compañías leiteiras os sangraron. Non teño resposta. Soamente sei que, tras estos avisos, voume dando conta de que, se cadra, a esperanza política para o país está no interior. Nese lugar no que, según as estatísticas, todos votan á dereita. Salvando as distancias, por suposto, fíxense de onde son os desta revolta do PP.