Elementalidades

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

14 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTE tempo de verán non pode ser bo para cabrearse nin para andar con pensamentos complexos. Non está un para rompela cabeza con nada, pero as cousas que todo o mundo coñece, ou ten que coñecer, están sempre presentes. Sabe calquera, e por forza os responsables políticos, tres cousas de economía, aínda que non saiban nada máis. E esas tres cousas son: Que a palabra economía significa goberno da casa; que, como os medios son escasos, a xestión económica caracterízase por ter que optar sempre entre opcións, asumindo unhas e rexeitando outras; e, como consecuencia das dúas anteriores, que a lóxica coloca primeiro a satisfacción das necesidades básicas xerais e, unha vez cubertas, xa podemos falar de luxos. ¿Alguén é capaz de rebater estas tres premisas elementais? Non, porque resultan de sentido común, aínda que xa é un tópico que, ás veces, non é o máis común dos sentidos. Para poñer as cousas máis claras podemos facer un exemplo: É sabido que en Sudán, nestes momentos, a poboación sufre fame, guerra, enfermidades abusos e todos os males que se poidan imaxinar; nesta situación a ninguén sen patoloxías se lle podería ocorrer mandarlle traxes de festa de Armani para paliar tal situación, aínda que, obviamente, tales vestimentas sexan fermosísimas. Non é que os sudaneses non teñan dereito a seren elegantes, non. O que se trata é de que precisan cubrir necesidades básicas e enviarlle traxes do modisto italiano só daría ganancias a tal xastre. E aí está a economía. O primeiro é elixir os medios adecuados para satisfacer as necesidades básicas -aquelo que se ten dereito a ter e non se ten: casas de saúde, polideportivos, plazas, parques, xardíns, auditorios, piscina- e despois, xa falaremos de caprichiños e de darlle ganancia ao capital privado.