Deturpación

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

26 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A IMAXE dos norteamericanos máis difundida é a do vaqueiro, pistola ó cinto, pernas arqueadas, botas e pantalón ad hoc -iso que resultou progre vestir-, chaleco, sombreiro e esa mentalidade que fai ver que quen dispara máis rápido é o bo e que matar soluciona inxustizas. A simpleza desas películas é tan extraordinaria que, por iso, chegou a todos os públicos en todas as partes do mundo. Hai uns anos, por un quítame alá esas pallas, falando impropiamente, os Estados Unidos de América iniciaron un proceso que eles chaman de impeachment , que estivo a piques de derrocar ao mesmísimo presidente dos USA por non dicir a verdade, non nun asunto político, senón por uns contactos sexuais. O curioso do caso non foi polas indefinidas relacións, senón pola expectación mundial que levantou o asunto, polas explicacións, polos detalles íntimos desvelados, polo inmenso gasto e pola mesma incrible e desmesurada posta en marcha de mecanismos constitucionais para aclarar unha parvada. Nunca unha ou varias felacións, ou o que fose, saíron tan caras nin estragaron tanto papel. Bill Clinton rematou o seu mandato e chegou George Bush que embarcou ao mundo nunha guerra, ridiculamente desigual, cunha manchea de mentiras por xustificación e lanzou ás potencias bélicas máis extraordinarias contra un país de xente chea de fame, encheu Irak de mortos e alimentou unha cadea de odios profundísimos nos que se mesturan razas, relixións e orixe xeográfica. E ninguén menciona o impeachment . Cando un ve a Bush camiñando, fronte levantada, pernas arqueadas, brazos separados do corpo, non ten máis remedio que falar das idiotísimas películas de pistoleiros. Pero fixarse niso é, precisamente, caer na simplificación: ou heroe ou vilán. Iso, sempre, é mentira, porque un Estado resulta algo máis que un home.