O Mecos conseguíu o tricampionato sénior, e o Amegrove arrebatoulle ao seu veciño o cetro xuvenil Os de Juan Ramón Outeda redondearon a faena arousá co subcampionato na proba de canteiráns
24 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.?ellor, imposible. As tres tripulacións grovenses clasificadas para as grandes finais do Campionato Galego de Trainerillas coparon o domingo os primeiros postos das súas respectivas categorías, demostrando unha vez máis cal é a capital do remo galaico. Para maior gloria, Mecos conquistou o tricampionato na proba sénior. Despois de demostrar a súa superioridade nos dous anos anteriores, a embarcación de Fran González repetíu o primeiro posto cunha insultante facilidade, como demostran os cronos da final. Case 12 segundos separaron a súa chegada á meta (12.59.24) da do segundo clasificado, o anfitrión, Meira (13.11.12). Cabo de Cruz (13.13.31) será a terceira trainerilla que esta fin de semana defenderá as cores galegas no Campionato de España, con Tirán (13.19.35) e Perillo (13.39.31) moi lonxe do podio, peneira da representación na cita nacional. En xuvenís todo o mundo apostaba polo Amegrove como cabalo gañador. A súa gran tempada e a victoria na súa tanda clasificatoria así o facían presaxiar. E a embarcación grovense non defraudou. Como a de Mecos en sénior, a trainerilla de Amegrove non tivo opoñente (13.46.06). Desde o primeiro longo púxose en cabeza, e nunca cedeu a primeira praza, arrebatándolle aos seus veciños un título que acapararan nas dúas edicións precedentes. Iso si, Mecos fíxose co subcampionato, a pouco máis de 2 segundos do gañador (13.48.87), e con idéntica vantaxe sobre o terceiro e último clasificado para o Nacional, o Chapela (13.50.86). Cabo de Cruz (13.51.16) quedouse co mel nos beizos, e o Coruxo (13.59.39) non tivo nada que facer. Agora as miradas dos remeiros do Grove están postas nas augas cántabras de Castro Urdiales. Nelas disputarán este sábado as semifinais do Campionato de España de Trainerillas, no que non debe ser máis cá un trámite para acceder ás grandes finais. Mecos, en sénior, e Amegrove, en xuvenís, voltan a partir coma os principais favoritos ás coroas estatais.