Berenguela

| ALDONZA |

AROUSA

ANOS DE GRAZA

01 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

HOXE VOU vou aproveitar a consulta que me fai Antón sobre un dos escudos chantados na Torre do Reloxio para falarvos desa marabilla que é a nosa querida Berenguela. A principios do s.XIV, o arcebispo Rodrígo de Padrón erixiu unha construción gótica fortificada, bautizada co nome de Torre da Trindade; o seu sucesor Berenguel de Landoira (do que tomará o nome) púxolle o ramo á obra de paso que elevaba outra torre enfrontada, posteriormente derruída cando Juan de Ávila edificou o novo claustro en 1521. De traza rectangular, nun dos lados mostra cinco bandas que descansan en ménsulas. Eran tempos de duras lideiras entre os arcebispos e a nobreza saldadas con grandes desfeitas. Lembro o incendio que o 25 de xullo de 1466, nos tempos de Alonso II de Fonseca, arrasou as casas que dividían en dúas rúas a praza de Praterías por acochárense nelas os soldados do seu mortal inimigo Bernald Yáñez de Moscoso. Acabadas as liortas, houbo que facer reformas como o arranque do arco apuntado, no lado occidental, cos nervios decorados con flores descansando en ménsulas vexetais. No nervio central hai un rostro e un anxo sorrinte na ménsula. Debaixo, catro escudos: o de Castela e León entre anxos tenantes, o do Arcebispo Fonseca, o dos Osorio -dous lobos pasantes- e o dos Enríquez -dous castelos e león rampante-. A idea era trazar un arco apuntado de torre a torre que resgardaría a portada e a mín deixaríame ó acollido das inclemencias do tempo, pero ficou en proxecto. A este tramo medieval, a reforma barroca levada a cabo por Domingo de Andrade (sucesor de Peña de Toro a partir de 1676 como arquitecto catedralicio) vai engadirlle dous corpos de tamaño decrecente: unha primeira balaustrada con catro templetes circulares en cada canto que dá paso a unha estructura cúbica onde se abren arcos de medio punto; e unha segunda tamén con templetes leva a un corpo octogonal, así mesmo con arcos. O remate álzase sobre tambor circular que soporta un enorme bocel con oito volutas engranzadas no seu perfil. A cúpula, lixeiramente acebolada, asenta no cumio unha lanterna circular de oito aberturas e cupulín, coroado con pináculo. Todo o conxunto acompañado de diversos adornos, algúns vexetais, derivados dos tapices que o 10 de xuño de 1655 penduraron do altar maior (un regalo de Felipe IV) e introducidos por Vega e Verdugo como elemento decorativo; outros militares e xacobeos, crean un singular xogo de luces e sombras que permite valorar o talento dun tracista capaz de traducir en granito a arquitectura efémera coa que estaba moi familiarizado (o mesmo deseñaba o catafalco de María Luísa de Borbón como actuaba de pirotécnico naquelas luminarias con argumento que festexaban ó Apóstolo cada 25 de xullo). Típicamente barroca Esta singular torre de 72 metros de altura, en vivo contraste coa horizontalidade do Pórtico Real da Quintana (tamén obra súa), achega outra característica tipicamente barroca: a configuración espacial, creadora de escenarios urbanos. Amais de converterse no símbolo sacro da cidade, actúa como elemento de articulación entre as prazas da Quintana e Praterías, xerando novas perspectivas en escorzo, tan gratas á época. Para poder apreciala en toda a súa fermosura aconséllovos que paredes na esquina da Vía Sacra e sigades a liña que vos guía á fonte de Praterías. aldonzadepraterias.yahoo.es