Reportaje | Cidadáns pola República reflexiona en Vilagarcía sobre o compromiso CARLOS BLANCO JULIÁN HERNÁNDEZ MANUEL SEIXAS A casa da cultura acolle hoxe un coloquio aberto con tres tipos coñecidos. Trátase de xogar coas ideas para tentar entender que significa e como é iso de se comprometer
15 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.?lá foi, un ano máis, o aniversario daquel proxecto violentamente esmagado dunha España diferente, que levou por nome Segunda República. E, de novo, a Plataforma de Cidadáns pola República de Vilagarcía oferta unha proposta diferente para reflexionar, non sobre postulados políticos e xeitos de goberno, senón sobre o vencello de artistas e intelectuais co concepto de compromiso, de plena actualidade. Isto, que dito así pode soar a charleta de Sánchez Dragó ou a enciclopédico aborrecemento, capaz de espantar ao máis coraxudo da parroquia, cobra este serán, na casa da cultura, un aire dinámico da man de tres tipos ben coñecidos no eido da cultura, entendida na súa expresión máis ampla e popular. Trátase do actor e narrador Carlos Blanco, o músico Julián Hernández e o polifacético Manolo Seixas, músico, poeta, profesor. Non é probable que alguén se bote a sestear cando quen da vida ao debate son o autor de Dillei -que foi quen de dar pasaporte ao seu personaxe de Ladislao, electrocutado no baño co Private na man-; a voz e moito máis de Siniestro Total, merendador xuvenil de nocillas, profeta do blues ultimamente; e o creador de A velocidade do frío , fundador do rock de batea dende a guitarra de Korosi Dansas, pensador profesional. Corren tempos confusos, duros, de rúa e pancarta frente aos excesos do poder, de verdades a medias e medias verdades, de mentiras disfrazadas de certezas, de maquillaxe política, de globalización da violencia en todas as súas facetas... Se cadra non é unha mala oportunidade para tentar entender algo máis. Casa da cultura. 20.30 horas