VENTO DA TRAVESÍA | O |
14 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ÓS QUE nacemos nos 60 hai cousas que non se nos poden escapar: A primeira que a chegada da democracia trouxo unha renovación económica ó Estado na que, sen dúbida, tiveron unha importancia capital as reformas de Fernández Ordóñez, fundamentalmente coa introducción do Imposto sobre a Renda. A segunda foi a entrada na entonces chamada CEE, xa no 1986, que supuxo, particularmente desde o punto de vista de Galicia, poder ter quen se solidarizase connosco. A partir desta data empezamos a ver por aquí como se foren creando infraestructuras, chegamos a entender o beneficio de estarmos comunicados decentemente e a ollar grandes carteis de obras por tódolos lados que poñían FEOGA, FEDER ou IFOP. Nestes intres estamos en período electoral: É tempo de utilizar os mecanismos propagandísticos para que os votantes se sintan contentos coa xestión e ata orgullosos do país e ás noticias dáselle un enfoque eufórico. Neste mesmo periódico o día 11 titulábase: "Galicia gana 5.000 millones con el futuro presupuesto de la UE". Visto así parece que será unha boa noticia e se deixamos o orgullo a un lado, tamén. Se lemos con detalle a información de La Voz, este periódico botoulle unha boa xerra de auga fría a tanto optimismo porque resulta que eses cartos chegarán aquí por razón da solidariedade. Eso é dicir que temos dereito a que fagan caridade connosco. Entón, é que aínda somos pobres. En realidade levamos sendo pobres de sempre. Os fríos números din que ganamos un 30% menos que os demais. Esta é a verdade: Galicia é pobre, temos menos benestar que o resto de Europa; somos secularmente pobres: demasiado tempo diga o que diga a propaganda. Por certo, ser pobre non é ser maleducado así que gracias, ou graciñas, Alemania, Francia...pola caridade, digo, pola solidariedade.