Herminia Fariña de actualidade

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

07 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

REMATADA a insensatez da Guerra Civil, en Galicia desatouse unha das represións máis crueis da Historia: entre 5.000 e 7.000 mortos paseados i executados. Na mesma cidade de Pontevedra, so de xullo a outubro de 1936, houbo 179 asasinados. Pero a propaganda, esa inimiga da verdade, e tal coma hoxe en día, foi máis asoballante que as terroríficas cifras de mortos e mentres durou a Dictadura fixéronlle crer ó pobo que aquela impresionante barbaridade estivera ben. Reflexionar niso é torturante: Na pequena Galicia forzosamente non había mortos descoñecidos. Se se atende a que a renda da que dispuña un español na II República non se volveu a alcanzar ata 1952, soamente queda pensar nun medo colectivo derivado daquela matanza. No ano 2004 aínda se fai difícil facer entender esa terca realidade e ocorre que rúas e prazas están dedicadas a persoeiros do franquismo, mesmo lambecús, e non hai maneira de que se honre ós perseguidos. ¿Por qué?. Herminia Fariña ten praza con busto en Meaño. Escribiu: "¡Paso a las tropas de Franco,/el caudillo de esta guerra!/ Y a las camisas azules, y a los yugos y a las flechas!/ Es Falange victoriosa,/ que anuncia las primaveras/ de una redención sublime,/con cinco rosas de seda/"; ou tamén: "Mi Generalísimo/Redentor de España,/ Prodigio y Lumbrera,/ Honor y Piedad,/ Ruta Iluminada de Serenidades,/ Paladín de Altar;/ Brújula y Destino,/ Señor de milagros/ y Jefe infalible del patrio solar./ ¡Franco!/ Tesón y Bondad" ou "¡Viva España! ¡Franco es la Verdad!/ Ya ves si soy rica; con esto me basta;/ mi Generalísimo:/¡Qué felicidad!.". Estes ripios están tomados dunha recompilación subvencionada pola Xunta e o Concello de Meaño. E ós asasinados négaselle ata unha lápida. Esto non pode seguir así.