En directo | Presentación dun libro no IES da Illa Un texto cheo fantasía permitíulle á súa autora, Noelia Lojo, ver cumprido o seu máis grande desexo. Instituto da Illa, Concello e Caixanova colaboraron para editar a súa obra
01 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.?ublicar un libro era a gran ilusión de Noelia Lojo Dios. Ilustralo seguro que era o gran soño de Nerea Pazos Loureiro. Estes dous soños puideron cumprirse gracias á colaboración do instituto, do Concello da Illa e de Caixanova. Pero, sobre todo, puideron cumprirse gracias ó esforzo destas dúas rapazas que lograron escribir e ilustrar un fermoso exemplar. Floren, o heroe de Flirbot é a obra que onte se presentou no instituto da Illa. Un libro cheo de maxia e fantasía inspirado nas lendas celtas. «Cando escribín este conto quixen que se resaltasen mitos celtas e resaltar tamén valores coma o amor», explica Noelia. Pero a intención da autora vai aínda máis aló. «Quería entreter ó lector, pero á vez conducir á reflexión», unha reflexión destinada a tentar lograr un mundo máis agradable. No texto, que acadou o terceiro premio provincial no último certame do concurso Entre nós , mistúrase a maxia que envolve todo o relato con outro tipo de elementos que conducen ó lector cara unha visión máis ética. Así, según explica Noelia Lojo, conviven no libro sociedades distintas como un intento, por parte da autora, de «atacar a xenofobia que existe nos nosos días». Este libriño, fermosamente ilustrado por Nerea Pazos, será repartido entre tódolos alumnos do instituto. Outra parte dos volumes será distribuida por Caixanova e outra polo Concello da Illa. Na súa presentación estiveron representantes das dúas entidades, que acompañaron ás súas autoras e ós profesores do centro. Estes últimos, por medio do xefe de estudios, agradeceron o traballo das autoras e a colaboración de Concello e Caixanova. «Gustaríanos pensar que nós fomos o estímulo, pero creo que é ó revés, que son estas cousas as que nos estimulan a nós», comentou o profesor, quen rematou sentenciando que «aínda hai vida para a literatura».