«O BNG está agardando que alguén chame para dialogar»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Entrevista | Xosé Castro Ratón A pinza entre nacionalistas e populares é, para Castro Ratón, un «delirio» interesado do alcalde, ó que en absoluto ve preocupado por acadar un pacto de goberno

14 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

?ivera fala de partidas de acoso e derrubo. Fole atribúe todo a unha coincidencia. Castro Ratón, pola súa banda, cre que a suposta maniobra conxunta de BNG e PP non é senón un artificio creado por Gago para desviar a atención «dos problemas reais». -Comecemos polo principio. O voto conxunto de BNG e PP no pleno. ¿Azar ou necesidade? -Azar. A expresion empregada por Gago, a pinza, é unha parvada. Non hai presión de ningún tipo. Foi un voto casual, completamente. En realidade, estivemos dacordo nun 80% E ó cabo ¿que foi o que se aprobou? A fórmula histórica do BNG, o IPC interanual a 30 de xuño. O único que sucedeu é que discrepamos en cuestións como o IBI ou o lixo. O outro son ideas aloucadas e interesadas. -¿Que máis sucedeu? -Aquí falamos de dúas cousas. Por unha banda, un pleno ordinario que puxo en evidencia que a práctica do diálogo e a percura de acordos, a lóxica dun goberno en minoría, aínda non foi asumida. Con respecto as taxas e impostos, calquera pode botar unha ollada ás actas e comprobar que nós adoptamos unha traxectoria de voto coherente ó longo dos anos. Nós votamos con coherencia. Non foi o BNG o que se moveu. Estaba moi claro o que ía suceder no pleno. Pero, ademais, houbo un marco de intercambio previo de opinións entre os voceiros. Gago era perfectamente sabedor das distintas posturas. -Dá a impresión de que queren facerlle ver ó goberno que debe negociar con vostedes, non simplemente chegar a votar a unha comisión e a un pleno... -Hai uns tempos políticos, e uns tempos legais. Os políticos esixen que cuestións fundamentais, como a das taxas, se aborden co tempo e a disposición necesarios. O que creo é que no grupo de goberno existe unha rutina e uns hábitos que non foron correxidos dacordo coa actual situación de minoría. -¿Que hai das negociacións para un pacto de goberno PSOE-BNG? -Reiteramos que estamos abertos a negociar todos os acordos necesarios para garantir a gobernabilidade, pase ou non por un goberno en coalición. O BNG agarda que alguén chame para amosar a súa disposición a dialogar. Pero non hai interese. -Entendo polo que di que é o goberno socialista o que non quere un acordo... -Non apreciamos interese. Pero non dramaticemos; non pasa nada, como tampouco existe a delirante idea do alcalde desa pinza co PP. -Directamente. ¿Estaría disposto o BNG a un goberno de coalición co PSOE? -É algo que non está na axenda política polo momento. Pero debe quedar claro que nós descartamos o poder polo poder. A participación na gobernabilidade, pola vía que sexa, ten que pasar pola asunción de parte do noso programa. Por outra banda, creo que podería extenderse a tres formacións. O efecto, ó cabo, debe ser unha suma que dé lugar a unha multiplicación. Entrementres, contribuiremos ó nivel da nosa responsabilidade.