Ambos conxuntos beneficiáronse dun calendario bastante asequible O vindeiro mes deberán demostrar a solidez da súa situación fronte a rivais de empaque
30 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O fútbol arousán está a brillar con luz propia no inicio da Liga de Preferente Sur. O Vilalonga, segundo da clasificación, e o Céltiga, cuarto, reclaman o papel de equipos a temer trala disputa das primeiras cinco xornadas de competición. O plantel adestrado por José Luis Ochoa pode presumir de ser un dos tres únicos conxuntos invictos na categoría, xunto có Antela (7º) e o Carballiño (9º). Mesmo o líder, o Pontellas, sabe xa o que é perder. En resumo, tres victorias e dous empates que o sitúan segundo a un só punto do primeiro posto. O cadro illense, pola súa parte, é cuarto a dous puntos do liderato. De feito, a súa única derrota entre tres triunfos e unha igualada corresponde á visita do Pontellas ó Salvador Otero, saldada hai quince días cunha soberana paliza propinada polo equipo foráneo (1-5). Mais a situación actual de ámbolos dous clubs é nestes momentos relativamente real. Neste senso, hai dous factores que poñen en dúbida a solidez dos postos destacados que agora ocupan Vilalonga e Céltiga. En primeiro lugar, cabe subliñar a maior ou menor asequibilidade dos rivais cos que se teñen enfrontado nestas cinco primeiras semanas de Liga. No caso dos homes de Ochoa, o Choco (13º, 5 puntos, 0-0), o Cruceiro (18º, 3 puntos, 6-0), o Carballiño (9º, 7 puntos, 1-1) e o Sporting Celanova (17º, 3 puntos, 2-1) resultan os perfectos actores para encarnar o papel de víctimas fronte a un plantel como o vilalongués. Ó Céltiga páselle tres cuartos do mesmo. Salvaterra (11º, 6 puntos, 2-2), Nogueira de Ramuín (15º, 5 puntos, 3-1), Choco (1-2) e Cruceiro (4-1) foron os seus contrincantes iniciais. O Pontellas foi polo momento o único opoñente de entidade que se atoparon ambos no seu camiño, con triunfo para o Vilalonga (3-1 na primeira xornada) e chosca para os de Juan Laxes (1-5 na terceira semana de competición). Con estes rivais coma referente, resulta preocupante o xogo irregular despregado polos dous conxuntos arousáns. Un punto este que recoñecen os seus respectivos técnicos, e que se evidenciou con especial claridade a pasada fin de semana, cun primeiro tempo para esquecer do Céltiga e unha segunda parte do Vilalonga na que ben puido perder dous dos tres puntos conquistados de non ser pola falta de mordente do Sporting Celanova. O problema é que o calendario ligueiro deixa de presentarse no vindeiro mes coma un camiño de pétalos de rosa para converterse noutro de espiñas da mesma flor. O equipo de Ochoa visita esta semana o campo do Gondomar (5º, 10 puntos), para recibir despois ó Barbadás (o seu único respiro, 14º, 5 puntos), viaxar a Ponteareas (Cultural Areas, 6º, 9 puntos) e servir de anfitrión ó Caselas (8º, 8 puntos). Os illenses afrontarán nas mesmas datas un desprazamento a Carballiño (9º), a recepción do Celanova (17º), visita ó Gondomar (5º) e chegada do Barbadás (14º). Así as cousas, o mantemento do Vilalonga e do Céltiga na parte alta da táboa durante as vindeiras xornadas aparece máis coma unha incógnita cá coma a certeza que os seus responsables quixeran ter.