Unha pegada de ilusión e esperanza

La Voz

AROUSA

Obituario | Rosita Sanmartín Moldes Da panadería dos seus pais, na «época da fame», marchou a América. Nos seus derradeiros anos voltou a O Grove donde era moi querida e coñecida

09 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que ás veces -por esperadas-, as malas novas traen tristuras. Os nosos corazóns aminguan aflixidos cada vez que unha persoa, que foi un referente exemplar, que marcou en ti unha pegada de ilusión e de esperanza, se nos vai. Neste suma e segue da vida, non podo máis que traer a memoria os adeuses recientes de Xan Francisco González Millán e de Xico Caneda Pérez, e agora tamén -coa sua ausencia física-, Rosita Sanmartín Moldes. Creo sinceiramente -sen menosprezar aos demais-, que foi un pago por demais en tan curto tempo. O Grove e as súas xentes, non merecían que a vida se portara dun xeito tan terriblemente demoledor. Rosita personificaba afabilidade e amabilidade por todas partes. Pararse a falar con ela -era obrigado se querían alegrar o día-, era voltar á rememoración de acontecementos anteriores, que pola idade non foches quen de vivir, era plasmar a configuración física anterior de cada curruncho de O Grove, era coñecer a singularidade de moitas persoas da nosa vila...; en resumen, era vivir as experiencias que ela ao longo da súa vida viveu, non sen antes preguntar polos teus pais, polos teus fillos, que tal estaban, para rematar -despois dun longo tempo de conversa- con dous bicos e coa encarga duns saúdos, dunhas apertas e doutros bicos para os teus, máis tamén cun «dilles que xa irei velos». Así era Rosita, unha persoa sinxela, marabillosa, que respiraba amor aos demais, un ánimo permanente. É evidente que moitísimas persoas imos botala de menos, palparemos a súa ausencia física con resignación, mais tamén esta perda témola que compensar facéndolle un pequeniño oco nos nosos corazóns, á felicidade inolvidable do seu recordo.