VENTO DA TRAVESÍA | O |
19 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.GONZALO Besada chamoume a atención e cando se fai eso coa súa exquisitez tense razón á forza. Díxome que parecía mentira que escribise Vao con b. Eu poñíao con v de sempre pero desde que apareceu nos Boletíns Oficiais «Enseada de O Bao» deixeime levar e tamén deixei de pronunciar Vau, que é como o escribe I. Alonso Estravís no seu Diccionario. Vao ven do latino vadus que dá tamén vadear, tanto en galego coma en castelán. Un vao, en castelán vado, é un lugar de paso, que non é de ninguén senón de dominio público; ó Vau que xunta a antiga illa de Os Groves con Noalla foino formando de area o mar e o de outras paraxes é o mesmo: un lugar que queda en seco e permite vadear. A toponimia é importantísima porque ós sitios non se lle chamou dun xeito ou doutro por casualidade, senón polas características de seu. Por eso é fundamental a súa recuperación para saber o que hai que saber de O Vau e non andar de lapadoiras ou, por poñer, que Cambados ten o mesmo significado que Combarro e ten que ver con comba xa que os dous están situados na curva dunha enseada; ou que os sitios nomeados Modia, hainos en San Vicente e en Cambados, son unha ilusión para quen queira facer un descubrimento porque amentan enterramentos antigos con mámoas agachadas. Ou que Alargos, Tomadas e Cachadas fálannos da orixe da propiedade. Serven os topónimos tamén para deixar de ser románticos ó saber que Mourente ou Mouriscas, non teñen nadiña que ver cos mouros nin cos seus tesouros, senón con penedos e, se cadra, con muros, ¿de castros? Coñecer os topónimos é recuperar historia, saber por onde andamos, entendérmonos. Menos mal que xente coma Gonzalo anda pendente destas cousas.