Reportaxe | A verdadeira orixe do bar Moscón do Grove Os grovenses saben moito do Moscón, ese pequeno bar do Corgo, pero aínda quedaban moitos misterios que agora a familia de Francisco Costa vén de desvelar
21 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.«Á hora da radionovela as mulleres sentaban árredor do aparello escoitando con paixón Ama Rosa» A raíz da publicación nas páxinas de La Voz de Galicia dunha reportaxe sobre o bar máis pequeno do mundo, que como non, tiña que estar no Grove, a neta de Francisco Costa vén de desvelar un dos misterios que rodean a tan interesante local: a data de súa fundación. Conta Teresa González que a historia arrancou no ano 1955. «O meu avó fundou o bar no que agora sentades ou que observades ó pasar cun sorriso cheo de cariño». A mediados do século XX O Grove mostraba unha fisonomía que nada ten que ver coa que se encontran agora os visitantes. «O mar chegaba ata onde tiña que chegar, e para ir a Peralto, a miña nai, como os demais, saltaba de pedra en pedra». Xa daquela o Moscón reclamaba o seu protagonismo na historia local. «Os contadores de historias, cegos, cheos de camiños ás costas, contaban contos que correrían despois de boca en boca». Os narradores chegaban á porta do bar nos días de mercado. «Un home de cabelos longos e brancos alisábaos con peines que despois vendería, namentres as moreas de roupa, sen perigo ningún de que os coches pasaran por riba, constituían o que daquela era o mercadillo». Un bar de mariñeiros A vila mudou de faciana, a historia cambiou ó longo do tempo, pero O Moscón segue a ser hoxe, como antes, un bar de mariñeiros. «Á porta había unha muller exhuberante á quen todos chamaban Lola, acompañada de estrelas do momento, verdadeiras belezas de peitos velados. Puro erotismo que os mariñeiros, cheos de sono, non podían apreciar ás seis da mañán. Sería máis tarde, á volta do mar, ou á noitiña, cando eles, pedindo un misto para acender un pitillo, pedindo un café ou unha copiña de mesclada , poderían mirar para Llina, Sofía, Greta, Sara, Ava... intercambiando pareceres». O bar, que por certo daquela estaba decorado con pinturas de Pepe O Lura, non servía só para os contertulios de efemérides e asuntos mariñeiros. «Mesmo había mulleres que agardaban alí a que os seus homes viñeran do mar, levando para iso as patelas e as cadeiras. En hora de radionovela sentaban árredor do aparello seguindo con paixón Ama Rosa». Tantos anos de mescladas non podían obviar asuntos tan trascendentes como a Festa do Marisco. Francisco Costa, o fundador do bar, participou activamente no xérmolo deste singular acontecemento ofrecendo ós seus clientes e veciños sardiñas asadas e pan de millo. Estas lembranzas da familia non son alleas a todo o pobo do Grove, vencellado, como non podía ser doutro xeito, coa andaina do pequeno bar. A todos eles preocupa se de aquí nuns anos se poderá seguir falando no local de Sharon, Penélope ou Nicole tomando unha cervexa. O progreso ten estas cousas.