As tripulacións campionas do Mecos percorreron a localidade nun autobús descapotable Medio cento de vehículos acompañaron ós «césares» do remo español no festexo
02 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Vir, ver e vencer. Esa era a xesta da que tanto se puido vanagloriar Julio César nos albores do Imperio Romano. Unha capacidade que lles permitíu, tanto a el coma ós seus sucesores, recibir multitudinarios baños de gloria do seu pobo. Dun xeito incruento, e baixo un manto moito máis glorioso como o do deporte, as dúas tripulacións de trainerillas do Mecos pasearon onte pola noite polo Grove os seus particulares laureis: as bandeiras de campións de España en categorías absoluta e xuvenil. Dous cetros gañados con insultante facilidade. Exactamente, con 9 segundos e 24 centésimas os maiores sobre Cabo de Cruz, e con 9 segundos e 79 centésimas os máis novos sobre o Santurtzi. E se os laureis foron as bandeiras do Campionato, o carro mudouse nun autobús descapotable de dúas prantas, que lles permitíu ás lexións mecas saudar ós seus fieis afeccionados no seu percorrido polas rúas da vila. Iso, claro está, ós que non ían detrás deles. E é que medio cento de vehículos fixeron de escolta ós mellores remeiros de trainerillas da tempada, anunciándoos a bocinazos ós seus veciños, por se alguén, harto difícil, non se enterara da proeza dos campeóns do pobo do marisco. Éxito tras éxito, os remeiros do Mecos gañáronse a pulso unha rota de gloria propia. Rota que repiten con cada novo campionato e bandeira de peso no seu haber. Saída do seu particular templo , local social que se abandonou unha vez máis para seguir o trazado marcado polas avenidas de Portugal e Xoán XXIII e a rúa Teniente Domínguez para atravesar o paseo marítimo ata chegar á Praza do Corgo. Coas felicitacións aínda frescas do alcalde o pasado domingo, a comitiva do remo tomou a particular Vía Apia grovense, a rúa Castelao, e de aí, a presentar os seus respetos á súa Cibeles , o monumento ó mariscador. Porque por moito que se ore, os triunfos da vida só chegan con moito traballo no lombo. O sábado, máis Ante o mariscador, as bandeiras do Campionato de España ondearon en sinal de primacía do duelista do Grove, o que levou e agarda levar en moitas máis ocasións o nome da vila ó máis alto do deporte rei mariñeiro. E logo, de volta para o local social. Un brinde para unha festa austera, en espera da que chegará este sábado. Para ese día, a entidade agasallará con candanseu obsequio a todos aqueles que souberon facerse un para aupar ó seu clube e ó seu pobo ó máis alto do podio estatal. Bateis, trainerillas...