Embaixador en Nova York

La Voz

AROUSA

25 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A morte de Xoán Francisco González causou unha fonda impresión no Grove. Velaiquí dous obituarios enviados desde a península meca. En Memoria Corría o 24 de novembro de 2002. Eran as 9.00 da mañá. Unha chamada telefónica non é normal á devandita hora. Un presaxio agoreiro recorreu a miña cabeza, o corazón latexoume a cen por hora: Anselmo deume a triste e mala nova: Xoán González Millán finara alén mar, e a súa dona Esperanza loitaba contra da morte entre o seu lusco e fusco; elo por mor dun tráxico accidente de tráfico. A nova foi un auténtico mazazo, fiquei de pedra, e as bágoas saíron disparadas dos meus ollos. Preferiría non ter chorado, preferiría que as cousas non foran como acaíron, preferiría verte, Xan, no mes de decembro, tal e como quedáramos. Sei dos teus anceios, do que estabas a facer, e do que máis querías, a carón da túa dona, fillos e familia, de cómo cando che chegara a xubilación, estarías cos teus acá e aló, falabas de seis meses na túa Patria e doutros seis alén mar, falabas de moitas máis cousas que non darás, desgraciadamente, cumplido... Non son quen, nin por suposto o máis indicado, para falar de ti, que engaiolabas coa túa forma de ser, coa túa fala, que calabas fondamente nas personas. Nin da túa grandísima calidade humana, nin da túa valía. O Grove, coa túa morte perde un anaco importante da súa historia colectiva, á que tan honradamente tés contribuído. E a Cultura Galega perde a un dos seus máis firmes bastións na investigación literaria. Remato cunha marabillosa adicatoria deste outono, na que transmites a túa infinita grandeza e humanidade: «Porque nada hai máis precenteiro ca descubrir novos amigos, coa certidume de sabermos que o van ser para sempre». Para a túa familia, o meu máis sinceiro e sentido pésame. X.M.D. «Xoán» Tiven a oportunidade de coñecer a Xoán este ano. Era unha auténtica enciclopedia que parecía demandar aínda máis información. O pasado 17, transmitíame nunha carta que chegaba da universidade de Oxford, onde defendera unha tese sobre Otero Pedrayo: «creo que o día da defensa fixemos historia naquela universidade, porque era a primeira vez que se defendía unha tese sobre un autor galego». Resultoume moi gratificante coñecelo: unha persona aberta, sensata e sobre todo humán, sempre o recordarei así, amais da súa ilusión en que melloren as cousas, da súa confianza na mocidade galega, e de que siga prosperando o espallamento da nosa cultura en todo o mundo. Carlos Álvarez Besada