Crónicas da parroquia dos mortos

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Cando o outono comeza a esmorecer cara ó inverno, e o pequeno verán de San Martiño despide o sol ata a nova renacencia, chega o tempo no que as parroquias dos vivos e dos mortos abaten as cancelas que as separan para recuperarse como unha soa comunidade. Deste xeito vivía, e vive, a sociedade tradicional galega a festa dos Defuntos.

01 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Hoxendía, as máis das celebracións limítanse á limpeza e o adorno de tumbas. Como moito, bótaselle o dente a algún que outro oso de santo, feito de zucre e xema de ovo. Pero non sempre foi así. Non fai falla remontarse moito nos anos para atopar memoria das cabazas que os pequenos baleiraban na véspera de Defuntos para enchelas con velas e deixalas nos cruces de camiños, como marcas para o alén e falcatruadas para o veciño que ousaba aventurarse na noite. A práctica está documentada nas Rías Baixas e, en concreto, na bisbarra do Salnés. Castañas no adro Outro costume perdido consistía en celebrar magostos, fondamente vencellados coa data de Defuntos, nos adros das igrexas en homenaxe ós finados. Eran moitos os lugares que organizaban un magosto especial no día de todos os Santos. As castañas, asadas e cocidas, eran consumidas tanto no umbral do camposanto como na propia lareira da casa. O reforzo da crenza na vida eterna despois da morte animaba e daba sentido a estes festexos, que pouco a pouco foron devalando, acompañando á sociedade tradicional no seu naufraxio cara o esquecemento. Mais o anterior é unha leria comparado coa intensidade que acadaba o día de Defuntos ata hai cinco séculos. Fartura nos altares O bibliógrafo e bibliotecario Bernardo Barreiro recolle, na súa obra Brujas y astrólogos de la Inquisición de Galicia, o xeito no que os galegos antigos honraban os seus finados. «El 2 de noviembre se conmemoró a los fieles difuntos, al menos hasta finales del siglo XVI, con ruidosas orgías en las iglesias», asevera o autor, remontándose á testemuña do bispo de Mondoñedo, Antonio de Güevara, en 1551. Os notables da parroquia, dentro da capela, xantaban e bebían a fartar en altares convertidos en mesas para a ocasión. Os pobres, entrementres, preparaban castañas no adro mentres agardaban a xenerosidade dos principais.