Música e devoción á beira do Ulla

REDACCIÓN PONTECESURES

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Cesures celebra as festas do Carme cun extenso programa de actividades

06 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Como é tradición, Cesures honra estes días á Virxe do Carme. A música, os actos relixiosos e os xogos para os máis pequenos enchen estes días de celebración na vila do Ulla. A festa da espuma, os obradoiros de globoflexia e as actividades lúdicas deron comezo ós actos festivos o venres, acompañados do sorriso infantil. Os foguetes de primeira hora da mañá anunciaban onte que Cesures xa estaba en festas. A tarde do sábado tamén foi para o deporte, coa celebración do segundo trofeo ciclista Festas do Carme, no que traballaron man con man a comisión de festas e o clube ciclista Padronés-Aluminios Cortizo. Pero os festexos, para disfrutar desta celebración con tanta raigame nos pobos da comarca continúan hoxe con máis acordes musicais. Delo se encargarán a banda de música de Beade e o grupo de gaiteiros Algueirada de Cesures, e tamén as orquestas Cinema e La Oca, que se farán coa festa nocturna. Seguindo esas costumes que ano tras ano fixeron tradición en Cesures, tamén terá lugar hoxe o Desfile Valeiro, co que se ensalza unha labor tan propia da vila. A procesión na honra da Virxe do Carme percorrerá as rúas do municipio esta tarde xusto despóis dos actos litúrxicos nos que participará a coral polifónica padronesa. Xa mañá luns, que será festivo local en Cesures, proseguirán as actuacións musicais con marcado tono popular. A música folclórica volverá ser unha das grandes protagonistas, coa banda de gaitas da escola da Deputación de Ourense, Los alegres del Lérez e Algueirada. Devoción e diversión mistúranse en Cesures cun especial programa que culminará mañá ás 24. 00 horas cunha gran sesión de fogos artificiais.