O programa cultural do Mecos continúa este mes coa representación dunha obra de teatro
AROUSA
Un galego en Rotterdam é o título da obra de teatro que este mes representará o clube de remo Mecos dentro da súa programación cultural. A peza foi escrita por un veciño do Grove, Jorge Lamelas, falecido hai un ano. A obra poderá verse os días 13, 14 e 15 de xuño no cine O Marino. A peza está dirixida por Jacobo Domínguez, que dirixe a uns vinte actores. O traballo comezou hai xa dous meses. A representación teatral quere ser unha homenaxe a Jorge Lamelas, un rapaz que estivo moi vencellado ó mundo cultural do municipio meco, «estando inmerso en multitude de actos dándolle dinamismo á cultura local», segundo sinalan desde Mecos. Un galego en Rotterdam é unha obra baseada no mundo da emigración, contando peripecias «en clave de humor». A obra de teatro é o acto co que o clube de remo Mecos enche o seu apartado cultural durante este mes de xuño. Un programa cultural co que se pretende «recoller todo tipo de actividades dos nosos veciños, e dar a coñecer o seu traballo e inquietudes culturais». O programa comezou este ano co concerto da Coral da Confraría de Pescadores San Martiño. Continuou coa exposición de ArteGrove e cun concurse de debuxo. No mes de xullo, exposición fotográfica con imaxes antigas do Grove, as súas xentes e a súa relación co mar. En agosto haberá unha segunda mostra de maquetas navais. Xa en outono, farán un resume fotográfico da tempada 2002. E xa para novembro celebrarase un Campionato Galego de Ornitoloxía.