O escenario da casa de cultural ofrecerá un aspecto singular para as representacións de O navegante . En primeiro lugar, verán unha carpa branca no medio do escenario e logo se percatarán de que non terán que usar as butacas do patio do teatro de Vilagarcía. Terán que subir ó escenario e entrar nun mundo recollido, íntimo e cativo. Ese é o espacio do cosmonauta e do público. Non é moi grande, polo tanto, non hai distancia entre os espectadores e os personaxes: os espectadores, os actores e o técnico están todos a unha. Ese é o motivo de que a obra teña limitado o seu aforo a 45 espectadores por función e tamén ese é o motivo de que se fagan dúas funcións por día. A carpa branca estará en Vilagarcía hoxe e mañá e os horarios do comezo das funcións serán ás 20.30 e ás 22.30 cada un dos días. Deste xeito os espectadores poderán asistir moi de cerca a todos os movimentos dun personaxe que ten nove meses por diante ata deixar o seu cómodo e recollido espacio vital. Como non podía ser menoscon Chévere, a obra ten o seu lado paródico e o seu lado ácido, en parte porque asistimos impasibles a esta especie de festa da ciencia nas que o mesmo se descobre o polo sen plumas que se acepta a clonación duns individuos para reparar a accidentada chapa dos outros. A ciencia, como se sabe, non é exacta, así que algúns fallos deixan abertas as posibilidades de que non todo saia como estaba previsto. Tamén esto forma parte da máis recente montaxe de Chévere, para lle por un pouco de suspense e para demostrar que non todos os adiantos o son. A viaxe especial cara ó interior, pola súa parte, non é tan ficticia como parece. Todo o mundo a fixo unha vez na súa vida.