Todos os militantes serán convocados a unha asamblea na que escollerán a nova executiva conservadora O novo comité executivo provincial do Partido Popular concretou na súa primeira reunión o último dos compromisos adquiridos coa agrupación de Vilagarcía. Como anunciara Louzán, o congreso da capital arousá terá lugar antes do verán e será o primeiro de toda Pontevedra. A data foi confirmada onte: os militantes serán convocados para o domingo 16 de xuño. Esta cita resulta fundamental, por canto tanto a elección da executiva local como a candidatura ás municipais deben quedar encetadas. O cónclave terá carácter asambleario. É decir, poderán participar todos os afiliados que cumpran os estatutos.
16 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA O último congreso celebrado polo PP de Vilagarcía pérdese na brétema da memoria. Abonda con lembrar que por aquel entón a cara visible do partido era Xosé Luis Rivera Mallo. Cinco presidentes e bastantes anos despois, a formación conservadora volta a verse as caras consigo mesma. A data foi decidida onte polo comite executivo provincial, na súa primeira reunión logo da reelección de Rafael Louzán como máximo responsable dos conservadores pontevedreses. Moitas cábalas se teñen feito sobre o mecanismo que seguiría o PP para escoller a nova executiva local, o principal obxectivo do congreso. Finalmente, todos os militantes que no momento da convocatoria reúnan os requisitos estatutarios serán chamados a participar na asamblea do 16 de xuño. Este factor exclúe a aqueles afiliados que se teñan implicado na campaña doutra formación política ou militen noutro partido. Unha situación que en Vilagarcía afecta ós partidarios de Ivil. Así as cousas, a xunta xestora presidida por Miguel Ángel González celebrará un encontro en breve. E non se descarta que os actuais responsables da agrupación opten por convocar unha asamblea informativa, previa ó congreso. Polo momento, Manuel Freijeiro Martínez se fará cargo da comisión organizadora, na que se integrarán outras catro persoas para preparar a cita.