Cidadáns pola República rinde homenaxe póstuma a Roxelio Diz coa presentación das súas memorias Hai apenas uns días, Roxelio Diz finaba en México a raíz dun desgraciado accidente doméstico. Con el marchou unha fidel testemuña do que supuxo a Guerra Civil e o alzamento fascista en Vilagarcía e na bisbarra do Salnés. Sen embargo, a súa experiencia non caerá no esquecemento. O colectivo Cidadáns pola República presenta mañán, as oito da tarde na casa da cultura, o libro que recolle as memorias do veterano loitador republicano. Unha lembranza dos tempos escuros para alumear os tempos futuros.
16 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.S. G. VILAGARCÍA Roxelio Diz naceu na Lagoa, en Vilaxoán, en 1912. Finou en México, país onde se viu obrigado a fuxir logo da Guerra Civil, hai apenas uns días. O libro que mañá se presenta na casa da cultura recolle un período fundamental para comprender a historia recente do Salnés, Galicia e España: o nacemento da Segunda República, o traballo sindicalista, o alzamento fascista e as súas graves consecuencias. Diz pronto militou no sindicato anarquista CNT. Un feito que bastou para fose detido en 1936 e condenado a trinta anos de cárcere. As páxinas das súas memorias detéñense con detalle na represión brutal desatada na bisbarra, con capítulos certamente arrepiantes. Tamén no que sucedía na illa de San Simón, improvisada prisión política, durante os primeiros meses da guerra. Finalmente, relata o seu traslado ó forte de San Cristóbal, en Pamplona, e a súa participación na que posiblemente sexa a fuga máis numerosa que xamáis se ten producido nun cárcere español. Na presentación do libro, concebida como homenaxe póstuma, participarán o seu fillo, Roxelio Diz Rubianes, Xesús Alonso Montero, Xabier del Valle-Inclán, Gonzalo Bouza-Brey e Teo Cardalda.