Unha mostra itinerante dará a coñecer en toda a comarca á figura de Frei Martín Sarmiento Din os seus biógrafos que o Padre Sarmiento foi un dos grandes ilustrados que nos deixou o século XVIII. Pero, maila todo o seu traballo, a súa figura quedara escurecida polo paso do tempo. Ata este ano, no que foi elixido coma homenaxeado polo Día das Letras Galegas, que se celebra o 17 de maio. Antes e despois desa data, o frade comenza a saír das sombras. Para dar a coñecer a vida e a obra dese home, que usou o galego en algúns dos seus escritos e que defendeu o ensino desta lingua, a Dirección Xeral de Política Lingüística leva por toda Galicia unha exposición. Nas próximas semanas estará na comarca do Salnés.
09 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.R.E. VILAGARCÍA Unha ducia de paneis, cheos de imaxes e textos. Esos son os elementos que compoñen a Exposición Itinerante Frei Martín Sarmiento: unha iniciativa da Dirección Xeral de Política Lingüistica coa que se pretende dar a coñecer a vida e a obra dun frade benedictino que vivíu no século XVIII e que é descrito desde a Xunta de Galicia coma un «dos grandes intelectuais que ten dado a nosa terra». A exposición percorrerá, o longo deste ano, 174 municipios. E estará, estas semanas, en tódolos concellos das comarca do Salnés e da zona do Baixo Ulla. De feito, desde o luns, e ata hoxe, permaneceu na casa do Concello de Valga. Dar a coñecer a figura do Padre Sarmiento é só un dos obxectivos que a Dirección Xeral de Política Lingüística persigue con esta mostra. A outra meta que pretenden alcanzar é «darlle a coñecer ó pobo galego, dunha maneira visual, a importancia que ten para nós o Día das Letras Galegas, xa que o cerne da nosa identidade está no galego».