XAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA A necrópolis de Cambados representa a imaxen romántica de camposanto con ruinas
09 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Xa escribimos noutra ocasión que os ceminterios galegos non se limitan exclusivamente ao culto ós mortos senón que constitúen un espacio moral e afectivo, no que o home rememora antigas crenzas (relixiosas ou pagáns), se relaciona en festas populares e participa do entorno natural. Fronte o ceminterio hixiénico e racional das cidades, os camposantos aldeáns caracterízanse pola ausencia de planificación, de xeito que as tumbas se dispoñen anárquicamente aproveitando o espacio ó redor da igrexa e a morte non se relaciona co espacio regularizado senón co repouso no campo, co acercamento do home á natureza, metáfora do retorno ás primitivas esencias. Situado nun lugar de extraordinaria beleza paisaxística, antigamente habitado por un castro, o camposanto de Cambados representa a imaxe romántica do ceminterio con ruina. Os artistas románticos do XIX dicían que das ruinas emana un dobre sentimento: por unha banda, a fascinación nostálxica perante as costruccións debidas a xenialidade dos homes; pola outra, a certeza e tamén fascinación ante a potencialidade destructora da Natureza e do tempo. Ningún lugar coma éste para senti-lo efímero da existencia, a enerxía dunha natureza hostil e implacable que fende, racha e cobre de fungos a creación do home. É o sentimento tráxico do perecedeiro, da fugacidade do tempo, a violencia primixenia duns arcos que parecen etéreos, coma suspendidos no aire para proxectar as súas sombras sobre o mosaico caótico de cruces e lápidas. Tamén os galegos temos moito de románticos e como aquéles desprezámo-lo orde, a simetría e a marmórea frialdade do ceminterio clásico para así mergullarnos nun mundo desordenado, enigmático, cargado de evocacións, de nostalxia, no que a beleza do natural, os recordos e a morte se irmandan para sempre. Tal vez sexa por isto, por ese gusto polo onírico, pola maxia dos recordos, que nos sentimos traizoados perante a banalización dun espacio no que se mesturan tantos sentimentos. Xa me referín noutro artigo ao desafortunado derrube do muro perimetral para unir o antigo camposanto co moderno de "adosados". Agora só me resta menciona-la inquedante presencia do tanatorio. Pode que algúns lles resulte ata "bonito" -particularmente paréceme un pastiche pseudoclásico máis preto da estética kitsch ca dunha arquitectura de calidade e integradora- pero o que non se pode negar e que este edificio desvirtúa e altera por completo os valores deste espacio da memoria colectiva, quintaesencia do camposanto galego, dende logo un dos lugares máis emotivos e fermosos de Galicia.