OPINIÓN
02 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A historia recente do complexo Ons-O Grove, e máis concretamente da parte comprendida nos concellos do Salnés, está chea de luces e sombras. Houbo cambios positivos, como a declaración de refuxio de caza, a prohibición da saca de area, do motocross e das aterraxes na Lanzada; a prohibición dos recheos o plano de rexeneración do frente dunar da Lanzada, a crecente afluencia de visitantes e escolares a este espacio... Pero as sombras ultimamemtne dominan sobre as luces. Este complexo non deixou de estar sometido a actividades que deterioraron a súa calidade ambiental e os seus valores ecolóxicos. E aínda agora, que está baixo o amparo de leis, non ten garantida a súa conservación. A calidade ambiental coa que debe contar un área Natura 2000, para ser referente no camiño da conservación da biosfera, está en entredito na Enseada Umia-O Grove. Entre outras cousas, porque existe unha empresa situada ó pé da marisma que queima grandes cantidades de fuel oíl e de aceite usado; por que existe un campo de tiro de pichón que ten ateigada a costa de perdigóns de chumbo; e tamén porque seguen a verterse no mar residuos líquidos urbanos en toda a zona protexida, a pesares das depuradoras. Pero, sobre todo, porque non hai intención de solucionar ou paliar estes problemas. Pero o ámbito onde, desde hai anos, se está a decidir a conservación real e efectiva do espacio Ons-O Grove é o istmo da Lanzada. Se en principio houbo unha acción rexeneradora, todo o que seguíu foron actuacións en proxectos lesivos para a conservación dos hábitats protexidos. A construcción de dous carriles más, a explanación e tala na zona norte do istmo para construir un campo de fútbol, a extracción de area levada a cabo baixo a responsabilidade da autoridade municipal, e agora, un proxecto de campo de golf... Ó mesmo tempo existe unha ameaza silenciosa pero constante: a presión urbanística. Estas actuacións plantexan un problema intrínseco e serven como nefastos precedentes, e máis se a propia administración é a primeira en incumplir a lei e as directivas comunitarias. *Colectivo Ecoloxista do Salnés