«Non é un traballo, é a tarefa da vida»

La Voz

AROUSA

Vítor Mejuto, pintor que expón a súa colección «Compás» na sala Rivas Briones de Vilagarcía De pequeno tiña un compás que perdeu co tempo, como se perden tantas cousas na adolescencia. Pero comprou un novo e aprendeu a curvar as rectas que debuxaba dende hai anos. Ese traballo está agora a disposición de quen queira disfrutalo na sala Rivas Briones de Vilagarcía. Vítor Mejuto, como todo e mundo na comarca sabe, é fotógrafo, e como todo o mundo saberá a partir de agora, é pintor. E non mistura unha cousa coa outra. A fotografía «é un traballo, e gústame». A pintura «non é un traballo, é a tarefa da vida», di o artista. Camiña dende hai anos na busca da concisión. Malia ter andado moito asegura que lle queda outro tanto por facer. «Aínda son un artista adolescente que precisa falar moito para explicarse, cando sexa maior irei ó gran».

23 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

SUSANA LUAÑA VILAGARCÍA Estudiou Belas Artes en Salamanca pero non está demasiado satisfeito dos resultados. «Non estaba bastante maduro, ningún pintor está bastante maduro neses anos. Nesa época estiven moi despistado». Iso sí, recoñoce que houbo unha asignatura que na práctica serviulle bastante. «A fotografía, que valeume para ter o traballo que teño agora». Foi ese traballo o que o trouxo á comarca, onde é fotógrafo de La Voz. -¿Neses anos deixaches de pintar? -Si, aínda que un pintor non o deixa nunca, porque as cousas que acumula na retina quedan aí e logo hai algo que xa cambiou... A pintura non é un traballo, é a tarefa da vida. -¿E como o retomaches? -Ó chegar a Vilagarcía encontrei un caldo de cultivo moi importante. Empecei a ver exposicións de xente como Chaves ou Uxío e iso foi moi importante. Hai unha especie de alimentación mutua. Podes falar de pintura, que é algo que non se pode facer con moita xente. -Pero a túa obra non se parece moito á deles. -Non ten nada que ver, pero é que non se trata de influencias, trátase de ganas de pintar. Eu estou máis próximo a un pintor ruso dos anos vinte que a outro da zona. -Xa houbo outras exposicións antes desta. ¿Como evolucionou a túa obra? -Esta ben reflectido no catálogo, que recolle cadros de tres épocas. Antes para trazar unha idea tiña que usar un párrafo largo, agora digo máis nunha frase. É cuestión de suprimir o accesorio. O proceso foi ese. Pero os meus cadros adolecen aínda de demasiadas explicacións. Aínda son un artista adolescente que precisa falar moito para explicarse. Cando sexa maior irei ó gran. -No catálogo deixas as portas abertas á escultura. -Si, xa teño unha maqueta feita. É un proceso natural da pintura que fago. Os debuxos suxiren volume, e de aí á escultura non hai nada.