JAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA Os restos dos baldaquinos testemuñan a riqueza artística da nosa comarca na época medieval
26 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Cando se fala de escultura popular inmediatamente pensamos nos cruceiros e nos petos de ánimas. Sen embargo, antes de que a tradición enchera os camiños de cruces de pedra, froreceu unha arte na que se ensaiaron moitos dos temas e técnicas da nosa prolífica imaxinería relixiosa. Os baldaquinos eran arquitecturas de planta cadrada, ó xeito de pequenos templetes decorados con relevos escultóricos, que se dispoñían na maioria dos casos cobixando o altar maior das igrexas. En Galicia apenas conservamos algunha destas estructuras, xa que a meirande parte foron derrubadas e sustituidas por exuberantes retablos barrocos. Sen embargo, en moitos lugares atopamos empotradas nos muros extrañas pezas esculpidas que o profesor Filgueira Valverde identificou como dinteis procedentes dos antigos baldaquinos. Ésta semella ser a orixe das placas que se conservan no exterior da igrexa de San Salvador de Meis. Decorando a "Fonte de Ceán" aparecen tres relevos coa vida de Cristo, e un cuarto cunha escea de cabaleiría de difícil interpretación. A peza do centro representa o Descendimento de Cristo logo de ser crucificado. A da dereita amosa o seu Nacemento, con San Xosé axeonllado nun lado, a Virxe ao outro e, no centro, o Neno acompañado da mula e o boi. Moi preto, no campanario de San Vicente de Nogueira, consérvase unha peza co mesmo tema e que pola sua feitura ben pudo ser tallada polo mesmo artista. Mellor conservada está a peza da esquerda, na que se representa a Adoración dos Reis Magos coa típica iconografía deste momento: a Virxe entronizada co Neno no colo, San Xosé ó seu carón co caxado suxeito nas mas, e un dos reis axeonllado cos brazos extendidos entregando o agasallo. É curioso como este relato do Novo Testamento foi un dos temas preferidos dos nosos canteiros. A min sempre me chamou a atención unha peza engastada na fachada dunha casa de Pontearnelas, xusto na intersección da pista que vai a Leiro, prácticamente idéntica e ésta de Meis. A proliferación deste tipo de pezas, xunto coa diversidade dos motivos representados, fan pensar que a comarca de Arousa foi un dos centros máis dinámicos na construcción de baldaquinos, coa permanencia de artesáns e obradoiros que se desprazaban de igrexa en igrexa e que difundirían o seu saber máis alá da nosa provincia. Con todo, á marxe dun somero inventario publicado pola Fundación Barrie en 1987, penso que ninguén traballou seriamente na investigación duns monumentos que testemuñan unha vez máis a enorme riqueza artística deste anaco de Galicia.