Para que Lueiro saia á rúa

La Voz

AROUSA

«Chesqui» aboga por ampliar as actividades que se desenvolven ó redor da figura deste escritor grovense Un premio literario serve para que O Grove adique un tempo, cada ano, á memoria de Manuel Lueiro Rey. Nembargantes, hai quen pensa -como é o caso de Francisco López «Chesqui»- que os actos que organiza o Concello non son suficientes para achegar a figura do escritor e político ós máis novos.

11 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

ROSA ESTÉVEZ O GROVE A memoria de Manuel Lueiro Rey está a se diluir. Así o sostén o concelleiro de IdeG Francisco López Chesqui, que considera que «igual que o seu nome e a súa obra consigue aglutinar a un grupo de xente moi importante e dunha determinada idade, ós máis novos xa non teñen esa mesma percepción del». Chesqui insiste en que o Concello ten aínda varias asignaturas pendentes coa figura do escritor. Unha delas pasa por «conseguir que a obra deste home sexa coñecida por todos os grovenses desde a escola». A outra cuestión que aínda non se logrou é a de acadar que «o día de entrega do premio Manuel Lueiro se convirta nun día de festa literaria en todo o municipio». Para chegar a ese obxectivo, Francisco López aboga por ampliar o programa de actos. «Non debe reducirse só a un acto oficial no salón de plenos, coa entrega do premio e punto». Ó seu ver, deben facerse outro tipo de actividades. Entre eles, suxire «recitais de poesías, conferencias. E todo tipo de cousas que permitan participar ós veciños nos actos na honra deste intelectual honesto e idealista». Perder a memoria O concelleiro independente de O Grove argumenta que «non nos podemos permitir perder a memoria deste home. Todos os veciños deste pobo temos dereito de saber quen foi e que fixo» este autor, que coas súas obras retratou desde os avatares da Guerra Civil ata cuestións do cotiá. Chesqui recoñece que se ten dado un paso adiante coa profesionalización do premio Manuel Lueiro Rey ó través da participación na organización da editorial Sotelo Blanco. Nembargantes, esa medida, que permite unha maior difusión das obras de autores noveis, non colma as espectativas deste edil, que presume de ter coñecido en vida a Manuel Lueiro Rey. «Era un deses homes que marca. Un intelectual en todo o sentido da palabra, culto, crítico co poder e idealista».