Muíño da Seca

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

JAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA A situación desta construcción é inmellorable para aproveitar a forza das mareas

08 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Coma o resto da nosa arquitectura tradicional os muíños de mareas demostran a perfecta interacción do home có seu medio. Non é extraño entón que nunha ría como a nosa, que ten arredor de 230 quilómetros cadrados de superficie, e preto de tres metros de amplitude das mareas, o home tentase aproveitar as posibilidades enerxéticas derivadas da formación de xenerosas secas na baixamar. En Arousa conservamos tres artiluxios que se serven de esta forza natural: o Muíño do Cura en Catoira, as Aceñas da Illa e o Muíño da Seca en Cambados. O mais impoñente é este de Cambados. As condicións para o seu emprazamento son inmellorables: sitúase na zona máis estreita dunha enorme ensenada entre Tragove e a antiga vila de Fefiñáns, onde forma a presa, cuias comportas permiten a entrada da auga ao encher o mar e que tamén serviu para comunicar as duas marxes da ensenada. Ao módulo central, no que ademais dos mecanismos da moenda se distribuía a vivenda do muiñeiro, se adosa unha pequena construcción onde estaban os cortellos. A isto hai que engadir dúas pequenas edificacións que hai ao seu carón, antigamente destinadas a cortes e alprende. Non nos imos deter na explicación do seu funcionamento, pois a súa apertura ó público é inminente. Unha vez aberto e constituido o pequeno museo proxectado para o seu interior, non só servirá como unha boa atracción turística -a súa potencialidade é indiscutible- senón que tódolos cidadáns, cativos e maiores, poderán aprender e disfrutar de este inxenioso aperello que hoxe constitúe un dos exemplos máis interesantes da nosa arquitectura popular e industrial. A construcción sinxela e armónica, ben proporcionada, coa solidez otorgada pola utilización de grandes sillares dunha pedra avermellada que lle confire unha curiosa calidade cromática, fan de este muíño un edificio de extraordinaria fermosura e contundente aspecto plástico. Mágoa que o seu entorno semelle tan degradado por causa dos sucesivos recheos da zona de Tragove, xa que éstes impiden o desenrolo natural das mareas. Isto, xunto con algúns vertidos que aínda persisten na zona, fan que se encontre moi lonxe de ser o lugar paradisíaco que foi noutro tempo. O Concello está a realizar un gran esforzo por recuperar parte da beleza de este entorno natural. Confiamos en que non cese no seu empeño e que todos poidamos contar de novo cun espacio de innegable riqueza, pois nel danse a man o patrimonio histórico, o etnográfico, o artístico e o natural.