JAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA As lagoas prehistóricas fan difícil descifra-los restos, pero parece evidente o seu trasfondo máxico-relixioso
17 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.A figura do laberinto foi representada nos máis diversos ambientes cronolóxicos, xeográficos e culturais. Atopamos laberintos en lugares tan afastados como Siria, Grecia, Italia ou Irlanda, e en culturas tan dispares como a etrusca, a mesopotámica, a celta, a romana, a cristiá, a islámica ou a dos amerindios de Norteamérica. En Galicia só temos tres exemplos, emprazados nas inmediacións da Ría de Pontevedra: A Pedra do Labrinto no concello de Marín, Os Campiños, moi preto da anterior, e O Outeiro do Cribo. Moitas foron as interpretacións ó redor desta extraña figura, aínda que, no caso da arte rupestre galega, debido a súa dexcontextualización arqueolóxica e ás lagoas que aínda temos sobre as nosas sociedades prehistóricas, resulta moi difícil desentrañar o seu significado. Coido que o máis importante é que tanto os laberintos como as outras representacións abstractas espalladas pola nosa comarca e o resto de Galicia, levaban implícitas unha serie de mensaxes complexas que denotan un forte trasfondo máxico-relixioso. Moitos viron a representación do espacio sagrado, dun camiño difícil cara a un centro sacral, unha idea que despois recollería o cristianismo vencellándoa ás peregrinacións. Nalgunhas culturas aparece coma unha imaxe do cosmos, pois como dicía Francis Bacon "O universo está disposto coma un laberinto". O laberinto é de por sí ambiguo, as interpretacións pérdense no camiño sen posibilidade de alcanzar o centro. Quizais non se poida aplicar, polo seu carácter mítico e espíritual, unha analise racional. Tal vez sexa a metáfora da vida, das voltas do destino, en definitiva, da existencia do home, dos seus temores ante as forzas máxicas dun universo que descoñece, do misterio insondable da vida. Pero tamén da morte, ou mellor, da complementariedade destes dous conceptos, da fecundidade nun continuo renacer, da xénese e permanencia, da visión cíclica do mundo que o home intuía no paso das estacións, das colleitas, na morte e o nacemento dos seus semellantes. "A terra é coma un gran ventre que inxere as sementes, o sol, os mortos, antes de dar o renacer das plantas ou das almas, ou facer despertar a primavera que anuncia novos frutos". ¿Que empurrou os homes do 600 antes da nosa era a gravar na pedra do Outeiro do Cribo esta misteriosa figura?. A pregunta fica no valeiro do seu laberinto.