«Os libros da Xunta son competencia desleal»

La Voz

AROUSA

Olegario Sotelo Blanco, escritor, editor e empresario Olegario Sotelo Blanco pasou a outra tarde nunha barbería, escoitando cantar a un grupo de veciños do Grove. «A forma de ser dos pobos, as súas tradicións, eso é o que non se pode perder nunca», di este ex militante do Partido Galeguista, escritor, editor, responsable do Centro Galego de Barcelona e promotor dun museo etnográfico que se pode visitar en Compostela. Son moitas responsabilidades. Pero é que Olegario asegura ter asumido un compromiso coa súa terra. Defensor das aldeas, do retorno dos emigrantes, e da recuperación da «conciencia de país», mantén unha actitude crítica sobre case todo. Do mundo dos libros destaca o aumento das editoriais, que «se teñen que enfrentar á competencia desleal que fai a Xunta»

18 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

ROSA ESTÉVEZ O GROVE «Se non somos capaces de conservar o que nos diferencia, ¿que nos vai quedar?». Olegario Sotelo Blanco contesta coa boca pero interroga coa mirada. Afirma crer na tradición, na lingua, e na cultura. Por eso creou, hai xa uns anos, unha editorial coa que sacar á rúa libros escritos en galego. A empresa leva o seu nome. -Sotelo Blanco edita libros en galego e vostede, cando escribe, faino tamén neste idioma. ¿Temos xa unha lingua normalizada? -Eu creo que neso se ten avanzado moito. Ainda que fosen escasos, déronse algúns pasos importantes. A língua mantívose durante moitos anos gracias ós «catetos». Pero os mariñeiros e os agricultores deixaron de falalo porque non tiña prestixio social. Afortunadamente, imos recuperándoo. E nese sentido, creo que a Radio e a Televisión Galega fixeron un gran papel para prestixiar o galego. Foi o primeiro paso da normalización, pero ainda queda moito. -¿Nótase eso no mundo editorial galego? -Si, eu creo que si. Hai uns trinta anos saían ó mercado un ou dous títulos en galego por ano. A situación é moi diferente agora. Hai máis escritores e hai tamén máis editoriais, e eso é bo, claro. Para o número de lectores que hai, creo que temos unha estructura máis que aceptable. -¿E o número de lectores por donde anda agora? -Eu creo que nese sentido se sigue unha boa liña tamén. Cada vez son máis as personas que se achegan para ler no galego. Son xente nova, normalmente xente que tivo libros en galego no instituto ou na escola e que xa o ven como «normal» na escrita. Eu sempre digo que é difícil recuperar para o galego a xente de máis de sesenta anos. Por eso miro para os máis novos, porque eles terán que aguantar o futuro. -¿A aparición de novas editorias resulta intersante a nivel empresarial? -Que haxa moitas editorias non é malo, non pode ser malo nin sequera a nivel empresarial. O que si me parece malo é que a Xunta de Galicia se adique a editar libros cos cartos públicos. Libros que normalmente son de «amigos» e que o que supoñen para nós é unha competencia desleal. -Falemos de premios. ¿Que levou a Sotelo Blanco edicións a decirdirse a apoiar o concurso de novela curta Manuel Lueiro Rey? -Pois o convencemento de que os premios son importantes para que a xente nova teña a súa primeira oportunidade. Convenios como o que temos no Grove tamén os temos cos concellos de Ourense, de Allariz, ou coa fundación Vicente Risco. En todos os casos, nós nos comprometemos a editar a obra gañadora. E ese compromiso é moi interesante e bo para os escritores que están a empezar.