Catoira, o meigallo da historia

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

O Concello ven de editar un libro no que se recolle o pasado e as claves de futuro do municipio vikingo Catoira conta cunha nova xoia nas súas arcas. O libro «Catoira: chave e selo de Galicia» é a firme aposta que fai o Concello pola historia, o patrimonio, as tradicións e as claves de futuro dun municipio, que a pesar das súa pequena dimensión, demostrou te-lo pulo suficiente para chegar incluso a integrarse no mapa cultural europeo. Un magnífico traballo ilustrado que non é máis que o comezo dunha serie de publicacións que sairán á luz en anos vindeiros. É a xanela dende onde se pode vislumbrar a Catoira que foi e na que se pode converter. Un catálogo poblado de historia e de imaxes do acontecer da vila vikinga.

24 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

C. U. CATOIRA Catoira: chave e selo de Galicia recibirá o seu bautismo oficial mañá no salón de plenos da casa consistorial. Unha obra que saiu da pluma do doutor en Historia da Arte, Francisco Singul, e que foi esmeradamente ilustrada con fotografías de Manuel Vicente e Pasarín, encastradas no deseño feito polo debuxante catoirense Fausto C. Isorna. No afán de universaliza-la obra o galego e o inglés comparten liñas. Como editor desta obra de luxo figura o Concello de Catoira, e coordinada pola concelleira de Cultura, Margarita Lobato. As grandes páxinas deste catálogo do pasado e do futuro inícianse coa saúda do alcalde, Alberto García. O orgullo de ve-lo cambio experimentado polo pobo nas dúas últimas décadas, traspasar fronteiras, o papel de Catoira na historia de Galicia, e o anuncio das vindeiras publicacións. Estas son as claves que emprega o rexidor para amosa-la súa satisfacción polo traballo rematado. No limiar da obra, o escritor e presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, sumérxese nun discurso universalista e fala de Catoira como referencia cultural en Europa. «Os tesouros históricos, artísticos e ecolóxicos non deixarán de sorprender a moitos lectores. Sen ese sustrato sería incomprensible o dinamismo de Catoira nos nosos días, que unha publicación como esta contribuirá a acelerar aínda máis». Esta é a antesala dun percorrido polo que nos guía Francisco Singul dende á epoca romana ata agora. Unha ruta que se desliza pola Romaría Vikinga, as Torres de Oeste, as igrexas, os ríos, a memoria das pedras, a relixiosidade a economía. Un aceno dende a Catoira máis ancestral e actual.