Os habitantes de Punta Moreiras

La Voz

AROUSA

No acuario do Grove viven, desde hai un par de semanas, pelícanos e esturións Unha parella de pelícanos procedentes de Holanda están a se acostumar estes días á súa nova residencia: un dos tanques do acuario do Grove. Os paxaros chegaron hai dúas semanas e xa se convertiron nos favoritos dos moitos rapaces que se achegan ata estas instalacións de Punta Moreiras. Moi preto deles, arredor de trinta esturións noruegos toman posesión da piscina na que viven e na que comparten espacio con 25 troitas españolas. Todos estes animais chegan para completar a pequena arca de Noé que existe no municipio meco. E na que as especies vinculadas co mar son as auténticas protagonistas.

07 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

R. E. O GROVE O acuario do Grove naceu para dar a coñecer a todo o mundo a vida mariña. Sobre todo, a vida mariña da costa galega. Desde que abriron as súas portas, as instalacións de Punta Moreiras non deixaron de evolucionar. Cada pouco tempo a súa oferta modifícase, adáptase e reaxústase para conseguir «recursos formativos novos». Pelícanos, esturións e troitas son novos inquilinos nun recinto no que xa case non falta de nada. «Non son especies propias de aquí, pero que nos pareceron interesantes pola vinculación que teñen co mundo do mar, que é o noso», explican os responsables de Acquarium Galicia. Os pelícanos que xa residen en Punta Moreiras son os primeiros que viven nun acuario. Chegaron desde Holanda, onde se criaron nunha granxa. «Agora estanse acostumbrando». Os esturións que se atopan no tanque do lado veñen de máis preto, de Andalucía. Tras deles, ata O Grove chegarán novas especies. Aves rapaces que poderán ser tocadas polos visitantes. E nutrias «que esperamos que se reproduzan e que con elas poidamos facer un proxecto de reintroducción deste animal nos ríos da comarca», indican os responsables do acuario. «Do que se trata -contan- é de dar unha visión ampla da natureza relaccionada co mundo do mar». E, desa forma, conseguir que os visitantes -na súa maioría rapaces- «se sensibilicen co medio ambiente, o respeten e o coiden como todos o deberíamos facer».