Quen cala, outorga

La Voz

AROUSA

TRIBUNA PÚBLICA

02 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Quen cala outorga, reza o refraneiro popular, aplicable á responsabilidade que asume quen enmudece ante os erros de outro. Hai veces que quen cala o fai por algún motivo importante pero, moitas delas, non é porque non teña razón ou nada que dicir. Aclaremos a que nos estamos a referir. O pasado 26 de outubro, publícase na prensa unha roda de prensa celebrada na sede do PP de Vilagarcía. Segundo os populares, a documentación sobre as festas de Vilagarcía de 1999 adoece de gravísimas irregularidades, certificadas polo propio interventor municipal. A pesar de iso, denuncia o PP, «a comisión de goberno deulles a súa aprobación». O último punto tampouco ten desperdicio. Segundo os conservadores, aparecen como saldadas débedas con artistas que aínda non cobraron. É máis, «hai sinaturas de recibín con distorsións en relación ás que figuran non contratos iniciais». Esta roda de prensa non tarda en ser contestada polo señor alcalde que se descolga con xustificacións e argumentos moi peregrinos. Gago defende as contas e acusa ós populares de contar «verdades a medias». Ademáis tilda de «mentireiro compulsivo e patolóxico» ao secretario dos populares locais, Amadeo Rodríguez. Troco de opinións Estamos a tentar traballar e non podemos saír a desmentir todas as acusacións que nos fan porque ademáis semella que a eles as informacións avaladas en documentos non lles serven para nada. Naquela ocasión, así ficou o troco de opinións. ¿Calou e otorgou o PP? Non, as nosas denuncias estaban ben claras, pero utilizando un novo refrán: non hai peor xordo que o que non quere oir, e o señor alcalde demostrou unha xordeira preocupante. Cando afirmábamos que había débedas con artistas, sabíamos de que estábamos a falar, e tamén o sabíamos ao referirnos a sinaturas distorsionadas. Vexamos, nas contas das festas de 1999, con data 17-08-99, figura como pagada e asinada unha factura a Manuel Oliveira, da orquesta Odisea, pago que non se efectuara e que soubemos que era obxecto de denuncia nos tribunais de xustiza. O propio presidente da comisión de festas recoñecía a falta de pagamento da mencionada factura e aseguraba que a súa intención era esperar a decisión xudicial para facer efectiva a cantidade que legalmente lle corresponda. Afirmaba tamén que a comisión de festas decidira pór o feito en coñecemento do xulgado. Denuncia da que non temos ningún coñecemento Implicar ó PP Pero non ficou aí o tema, aparecen unhas manifestacións do presidente da comisión de festas nas que ten a desvergoña de implicar no tema ó PP, acusándoo de ofrecer prebendas, a modo de posto de traballo no Hospital Comarcal a un familiar do demandante. Sentimos moito que cos exemplos de grave corrupción recentes no seu partido, caia na torpeza de pensar que todos son iguais. Nas suas declaracións, Javier Gago lamenta que «sempre acabo actuando de asesor dos populares, porque eles a pesar de contar con tanto economista, non se enteran de nada». Xa é coñecida a vocación pola docencia do señor alcalde, agora ten outra oportunidade para asesorar sobre as seguintes cuestións: ¿Pensa facer algo ó saber que nas contas das festas do 99 figura unha factura como pagada que non foi? ¿Cal é a súa opinión de que esa factura ademáis conte cunha sinatura de non se sabe quén? ¿Qué lle parece que o presidente da comisión de festas afirme por escrito que «actúa en representación e non a título particular, polo que en principio ningunha responsabilidade legal se lle poda esixir? Esperamos con moito interese as súas explicacións señor alcalde, xa sabe, polo que dicíamos ao principio... «quen enmudece ante os erros de outro». Amadeo Rodríguez, secretario local PP.