Como reza no cartel, o premio Blanco Amor é o premio dos concellos de Galicia. Cada un dos municipios integrados na asociación deste galardón abona ó ano 60.000 pesetas para a súa celebración e dotación. Unha cantidade que, segundo apuntou onte Javier Gago, «é irrisoria para un concello por pequeno que sexa». Nos últimos anos, algúns concellos teñen posto impedimentos para continuar a contribuir na organización do premio e mesmo algún abandonaron a mesma. Sen embargo, dende Vilagarcía a intención é conseguir que os concellos do entorno, como é o caso de Caldas, se animen a sumarse a este premio. Gago e Araújo sinalaron que esperaban conseguir que a celebración do Blanco Amor en Vilagarcía permitise, ademais do acontecemento cultural que implicaba, unha labor de difusión do que consiga atraer a novos concellos á organización. Neste sentido, Gago sinalou o caso de Oleiros, que o ano pasado conseguiu que outros concellos veciños pasasen a formar parte da organización. O alcalde de Vilagarcía considera que o precio que hai que pagar non xustifica as negativas, ó tempo que sinalou que as mesmas actividades que poñan en marcha permitirán que se acheguen novos municipios.