As mocidades do BNG e o colectivo Sempre en Galiza organizan unha mostra sobre a figura do galeguista Durante todo o ano 2000, Galicia conmemorou os cincuenta anos do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. No Grove houbo xa unha exposición artellada arredor da figura do galeguista. E agora, a «rúa Catorce», bautizada co nome do que tamén foi escritor e caricaturista, participa tamén nestes actos de homenaxe. Medio cento de comercios decidiron converter os seus escaparates en marcos para outros tantos paneis que sirven para ilustrar varios aspectos da vida e a obra do autor de «Sempre en Galiza». As mocidades do BNG e o colectivo Sempre en Galiza foron os promotores da idea.
17 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.R. E. O GROVE O vindeiro quince de decembro, no local Vinilo, reuniranse representantes de grupos políticos e asociacións culturais do Grove e de toda a bisbarra do Salnés. O encontro non será casual: está convocado polas mocidades do BNG e polo colectivo Sempre en Galicia. E están chamados para participar nun acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Galeguista, dramaturgo, caricaturista. Das obras escritas deste autor, cada un dos asistentes escollerá un fragmento para leer en voz alta. Trátase, dixo onte Carlos Besada, de Galiza Nova, de «facer unha homenaxe a este home, deixando claro que todo o seu traballo sempre tivo, no fondo, unha motivación galeguista». Unha motivación que, asegura o integrante do grupo de mocidade do Bloque, «está presente desde o seu traballo estrictamente político, ata nas súas obras literarias, e as súas caricaturas». O acto do Vinilo servirá como clausura a exposición que se celebrará ó longo de cincuenta escaparates situados ó longo da chamada rúa Castelao. Unha vía na que «esperamos que se coloque pronto un monumento, ou unha placa conmemorativa en homenaxe a este galeguista».