«Da VAC fan unha proposta inaceptable: unha estrada sinuosa, con moitas curvas e que non resolve nin os problemas de seguranza nin os de mobilidade», asegura
10 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Infraestruturas «de calidade, como unha verdadeira VAC Costa Norte e a Autovía A-74, que son estratéxicas para A Mariña», ou o impulso do dique norte de Morás, para impulsar e dinamizar a economía da comarca, son as dúas principais reivindicacións expostas polo BNG este venres nun acto aberto en Viveiro.
O encontro, celebrado no salón multiusos da Casa do Concello, tivo moita afluencia participación. Co lema «Viveiro e A Mariña merecen máis», na mesa citáronse o representante do Bloque no Congreso, Néstor Rego, o deputado parlamentario Daniel Castro e dous representantes do partido nacionalista na corporación local, a portavoz, Iria Cotelo, e o edil Seve Salgueiro.
O BNG reclama «non máis recortes e mentiras» ao proxecto da vía de alta capacidade, logo de que a Xunta anunciase unha variante para Viveiro que será unha estrada convencional. «25 anos despois, recortan o proxecto orixinal e fan unha proposta inaceptable: unha estrada sinuosa, con moitas curvas e que non resolve nin os problemas de seguranza nin os de mobilidade», denuncian os nacionalistas, que califican o atraso da A-74 (Autovía do Cantábrico) de «débeda histórica» coa costa lucense.
A creación dunha Autoridade Portuaria propia é outra das reclamacións que puxo o Bloque enriba da mesa no acto. «Permitiría optimizar as instalacións e garantir que os ingresos revertan directamente aquí», argumentou.