O Concello de Viveiro avanza cara á aprobación do PXOM tras unha reunión coa directora xeral de Calidade Ambiental
VIVEIRO
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou o «bo clima» de colaboración coa Xunta e o labor dos técnicos municipais e o equipo redactor
15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Viveiro continúa a dar «pasos firmes» para aprobar o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), segundo destaca o goberno local. Con esa meta, a alcaldesa, Mariña Gueimunde, mantivo unha reunión con María José Echevarría, directora xeral de Calidade Ambiental, na que tamén participaron o arquitecto municipal, a xurídica de Urbanismo, a secretaria municipal e representantes do equipo redactor OTEA.
O encontro serviu para revisar o estado actual da tramitación ambiental e analizar as correccións pendentes co obxectivo de que o Concello poda obter a memoria ambiental e continuar co proceso de aprobación do documento.
Mariña Gueimunde explicou: «Foi unha reunión moi produtiva na que repasamos as cuestións que quedaban por completar e constatamos o gran esforzo que están a facer todas as partes implicadas». E engadiu: «Desde o inicio desta lexislatura tivemos claro que o PXOM é unha prioridade estratéxica, e traballamos con paso firme para lograr a súa aprobación provisional e, se os prazos o permiten, tamén a definitiva».
A rexedora subliñou o bo clima de colaboración institucional coa Xunta de Galicia e destacou o labor dos técnicos municipais e do equipo redactor. «Están a facer un traballo intenso e rigoroso para que Viveiro conte cun instrumento urbanístico actualizado e seguro xuridicamente», abundou.
O Concello confía en pechar nas próximas semanas a fase ambiental, un trámite imprescindible para continuar coa tramitación urbanística e elevar o documento a pleno. «Estamos a poucos pasos de acadar un dos obxectivos máis importantes deste mandato, que marcará o futuro urbanístico e económico de Viveiro», concluíu Gueimunde.